Manuel Lago será o único portavoz parlamentario de En Marea

Lago é economista, licenciado na Universidade de Santiago de Compostela e segundo fontes do grupo exercerá como portavoz do grupo ata o fin da lexislatura

lagoo
photo_camera Manuel Lago. EP

O independente Manuel Lago (Vigo, 1956) exerce desde este martes como o único portavoz parlamentario do grupo de En Marea no Hórreo mentres que os actuais viceportavoces, Antón Sánchez (Anova) e Carmen Santos (Podemos), manterán os seus cargos polo momento.

Lago é economista, licenciado na Universidade de Santiago de Compostela e próximo a Esquerda Unida, e tal e como confirmaron a Efe fontes do grupo exercerá como portavoz do grupo ata o fin da lexislatura.

Desde 2013 é membro do gabinete confederal de CC.OO e participou na elaboración do programa electoral co que En Común Unidas Podemos concorreu ás eleccións xerais de abril de 2019.

O ton que empregará para interpelar ao presidente non será máis brusco que o utilizado ata a data como deputado responsable da área de economía; "usarei o ton Manuel Lago, e non me sairei"

O pasado mes de xuño o que era portavoz do grupo, Luís Villares, e outros tres deputados afíns decidiron pasar ao grupo mixto deixando con 10 deputados en lugar de 14 ao que ata a data era o principal grupo da oposición, que agora pasa a ser o socialista.

Esa crise obrigou a En Marea a designar unha nova persoa que exercese o rol de portavoz e nunha reunión mantida o luns pola tarde acordouse que fose Lago, deixando ao carón a posibilidade pola que apostaban nun principio de establecer unha portavocía rotatoria, dado que unicamente faltan dous períodos de sesións para que conclúa a lexislatura.

Na rolda de prensa posterior á reunión da xunta de portavoces, Lago explicou que este cargo "non é provisional nin é definitivo" aínda que "de entrada a portavocía non" será rotatoria a pesar de que a intención é traballar de forma colexiada.

"Asumo o traballo encantado", proclamou Lago que a próxima semana interpelará ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na sesión de control do pleno.

"O que me gustaría é que o presidente Feijóo respondese" porque "eu vou facer unha pregunta, non o vou a acusar" porque, dixo, está cansado de que "o presidente faga de oposición da oposición".

Así, avanzou que o ton que empregará para interpelar ao presidente non será máis brusco que o utilizado ata a data como deputado responsable da área de economía; "usarei o ton Manuel Lago, e non me sairei".

"Eu teño pensado facerlle preguntas difíciles a Feijóo pero se a pregunta é se vou gritar no Parlamento xa aviso que non, ese non é o meu estilo", aínda que "nada ten que ver co ton. Todo ten que ver co contido da pregunta", espetou Lago.