lunes. 21.10.2019 |
El tiempo
lunes. 21.10.2019
El tiempo

En Marea renova a dirección nun proceso ao que só se presentou a lista de Villares

Dirección de En Marea. EP
Dirección de En Marea. EP
O partido fixa a vista nas eleccións autonómicas do próximo ano 

En Marea completou a renovación dos seus órganos de dirección coa elección dun novo Consello das Mareas a través dun proceso interno ao que só concorreu unha lista, procedente do sector oficialista encabezado polo portavoz da organización, Luís Villares. 

Deste xeito, segundo informa o partido a través dun comunicado, o feito de que só existise unha lista fixo que non se chegasen a producir votacións, polo que a única candidatura en liza, encabezada por Luís Villares, foi proclamada de maneira automática. 

Así as cousas, En Marea completa os 35 asentos da súa dirección despois de medio ano no que 14 deles permanecían vacantes pola negativa a tomar posesión dos mesmos por parte das persona electas pola candidatura crítica Entre Todas nas primarias celebradas en decembro de 2018 nas que Villares renovou o seu liderado. 

Agora, cos actores que integraban dita candidatura —Podemos Galicia, Esquerda Unida ou a dirección de Anova, entre outras— fóra de En Marea, dividida xa tamén no Parlamento de Galicia, a organización que lidera Villares pon a vista nas eleccións autonómicas previstas para o próximo ano, nas que aspira a converterse en alternativa a PSdeG, BNG e os seus exsocios entre o electorado progresista.

O novo Consello das Mareas, que agora terá que escoller unha nova coordinadora, estará integrado por 35 persoas con Luís Villares á cabeza. Tamén están no máximo órgano entre plenarios a viceportavoz Ana Seijas, o deputado Francisco Casal ou a súa compañeira no pazo do Hórreo Paula Vázquez Verao como representante do grupo parlamentario.

En Marea renova a dirección nun proceso ao que só se presentou a...
Comentarios