Unha marea vermella tingue o litoral das rías de Vigo e Pontevedra

O fenómeno, coñecido como 'mar de ardora', débese a un organismo inocuo: Noctiluca scintillans 
All-focus
photo_camera Mar de ardora en Vigo. EP

Unha marea vermella tinguiu as augas as rías de Vigo e Pontevedra nas últimas datas. Segundo informa o Ministerio de Ciencia e Innovación, o último episodio rexistrouse este mércores entre Canido e Samil a media tarde. 

Estas mareas vermellas non tóxicas teñen cun ton alaranxado intenso, que resulta "moi espectacular" cando se acumulan na beira das praias. O organismo responsable destas mareas é un dinoflaxelado heterótrofo inocuo, Noctiluca scintillans, que "posúe unha limitada capacidade de movemento e desenvolve proliferacións de forma habitual durante o verán nas rías galegas, a miúdo entre xullo e setembro".

O Ministerio informa de que se dispersan e concentran a mercé das correntes superficiais e durante esta época as condicións ambientais –estabilidade e maior temperatura– e a abundancia de alimento –plancto– producen que as súas poboacións crezan ata o punto de tinguir a auga de mar. 

"O seu tamaño adoita roldar entre 0,5-1 mm e pode verse a primeira ollada como boliñas diminutas que flotan na auga. Posúen un único flaxelo de gran tamaño e no interior aprécianse a miúdo os restos de presas das que se alimenta: toda clase de microorganismos planctónicos, incluíndo fitoplancto (diatomeas, outros dinoflaxelados, etc) e microzooplancton. Non é tóxica nin realiza fotosíntese, pero si contén compostos alaranxados (carotenoides) que dan cor ás súas proliferacións", explica Ciencia e Innovación.

Noctiluca scintillans é unha especie cosmopolita en latitudes baixas e medias. Noutras rexións do mundo as proliferacións de Noctiluca poden ter cores rosáceas e incluso verdes, debidas estas últimas a microalgas verdes que viven no seu interior.

"Noctiluca non expón ningún risco para a saúde pública”, sinala Francisco Rodríguez, investigador do Departamento de Fitoplancto Tóxico e Mareas Vermellas do Centro Oceanográfico de Vigo, "aínda que nalgún caso se describiu sensación de picor leve na pel asociado á liberación de amonio na auga durante as súas proliferacións".

A súa característica máis rechamante, e que comparte con outros xéneros de dinoflaxelados, é a bioluminiscencia, que resulta especialmente intensa en Noctiluca debido ao seu tamaño. Tamén coñecida como mar de ardora, consiste en escintileos de luz que se activan por axitación mecánica.

A vibración activa nas células impulsos eléctricos que provocan unha diminución do pH nos centellóns (orgánulos celulares esféricos), que activa a luciferasa e libera a luciferina, a cal sofre unha oxidación na que se producen fotóns azulados en Noctiluca (λ=475 nm). "Durante a noite observouse unha intensa ardora, dado que as células non se dispersaron demasiado e podía verse aínda cor na auga á noitiña", sinala Francisco Rodríguez.

Comentarios