Méndez declarou durante 40 minutos ante a xuíza De Lara

A alcaldesa respondeu as preguntas de todas as partes e confía en que se aclare un proceso que considera administrativo e non xudicial

De Lara acude a declarar por una querella del CSIF. XESÚS PONTE
photo_camera Méndez acude a declarar por una querella del CSIF. XESÚS PONTE

O interrogatorio de Pilar de Lara a Lara Méndez durou uns 40 minutos. A alcadesa de Lugo compareceu ante a titular do xulgado de instrución número 1 en calidade de investigada por un presunto delito de malversación tras unha denuncia do sindicato CSIF en relación ao nomeamento dunha funcionaria.

Méndez asegurou á súa saída que respondeu as preguntas de todas as partes e confía en que sirva para aclarar un conflito que o Concello entende que debería ir por vía administrativa e non xudicial. 

"É un paso moi importante logo de dous anos e medio, desde que se presentou a querela, e un ano e dous meses, desde que se produciu a primeira citación", dixo a rexedora local aos medios de comunicación ao abandonar a sede xudicial.

"Voume contenta e satisfeita. Respondín a todas as preguntas que me foron formuladas por todas as partes", aclarou, ademais de engadir que agora espera a que "conclúa o proceso, se esclareza e se arquive". Segundo o seu criterio, ofreceu "respostas claras e contundentes ás preguntas" que foron formuladas, para esclarecer "calquera dúbida". Agora espera que se resolva o máis axiña posible".

"TRANQUILA". A rexedora chegou pasadas as 9.00 horas "con ganas de declarar" e "tranquila". “Como xa dixen nas outras tres veces anteriores, con ganas de declarar, dado que hai dous anos e medio que se presentou a querela e hai un ano e dous meses que fun citada por primeira vez. Con ganas de declarar e de aclarar esta cuestión, este trámite administrativo e seguir co traballo da administración local”, engadiu.

A declaración pospúxose tres veces
Tres veces pospúxose ata agora a declaración, a última o 26 de outubro por petición do avogado da alcaldesa porque tiña outro xuízo na mesma data. Oito días antes fora aprazada por unha baixa da xuíza De Lara. E en marzo pola folga da Xustiza.

A orixe da investigación está nunha querela presentada polo sindicato CSI-CSIF en relación co suposto atraso no cumprimento dunha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que anulaba a comisión de servizo dunha funcionaria municipal para o posto de letrada asesora do Concello. 

O prazo de execución da sentenza do TSXG, que anulaba esa comisión de servizo, concluía no mes de maio de 2016. Desde o Consistorio aseguran que a traballadora foi cesada no mes de xullo, dous meses despois.

Comentarios