"O meu compromiso con Galicia e co PSdeG é indiscutible e o apoio dos compañeiros anima"

Botou sete anos apartado de todo e, de golpe, parece que está en toda partes. No Congreso, onde confesa que se puxo "un chisco nervioso" no seu debut; na comisión negociadora da investidura de Sánchez; e tamén en Galicia, onde ten todos os boletos para ser candidato á Xunta. "Todo é posible!", admite co seu habitual humor marca Besteiro. 
José Ramón Gómez Besteiro (Lugo, 1967). XESÚS PONTE
photo_camera José Ramón Gómez Besteiro (Lugo, 1967). XESÚS PONTE

Antes de nada, estou entrevistando ao candidato do PSdeG á Xunta?

Está entrevistando a un home que ten un compromiso indiscutible co seu país e co seu partido e que se move en parámetros de coherencia e responsabilidade. Aí me movín sempre, tanto nos momentos malos, cando me apartei e gardei un sepulcral silencio, como agora onde volvo á participación política. Teño coherencia, responsabilidade, sentido de país e compromiso co meu partido. 

Pero estou entrevistando, como mínimo, a un "potencial candidato" á Xunta, se atendo ás palabras do seu secretario xeral e amigo, Valentín González Formoso. 

Iso si é correcto. 

E non todos os militantes teñen o mesmo potencial. De vostede falan moito e ben moitos compañeiros... Iso sempre anima, non?

Si que anima! Eu sempre mantiven ese contacto con compañeiros de partido de toda Galicia malia non ter protagonismo activo durante case oito anos. Animan os compañeiros e anima a ilusión de participar nun proxecto co que se poden cambiar as cousas. Xa o estamos facendo nas cidades onde gobernamos e onde temos unha canteira inesgotable con Abel Caballero, Lara Méndez, Inés Rey, Alberto Varela ou tantos homes e mulleres que demostran que desde os concellos se fan políticas socialistas que á xente lle gustan. E desde o Estado, onde hai un Goberno central que espero que se reedite que cumpre os compromisos con Galicia. A xente percibe que Pedro Sánchez é o mellor presidente do Goberno da historia da democracia para Galicia. Comprobámolo estes cinco anos con investimentos históricos.

De Besteiro escribiuse que xa ten o encargo de Pedro Sánchez para competir pola Xunta. É certo?

Encargo e primarias son conceptos incompatibles. Nas primarias a premisa é que calquera militante se pode presentar ao proceso para recibir o si ou o non dos afiliados, e nese proceso de independencia e liberdade non caben conceptos como encargo. 

Pero algunha volta lle daría xa Sánchez á candidatura de Galicia?

Supoño que como secretario xeral do PSOE en toda España si o pensaría e terá unha opinión. Pero insisto: primarias e encargo son incompatibles. 

Anímame moito participar nun proxecto como o do PSdeG, co que estamos demostrando que se poden cambiar as cousas"

Pero si se lles ve feeling. Sánchez elixiuno para abrir a lexislatura no Congreso e agora para o comité negociador da investidura. O presidente deposita moita confianza en vostede. 

E eu espero estar á altura desa confianza. Para min é unha honra política e persoal abrir esta lexislatura e este novo tempo de utilizar o idioma no Congreso. E por iso non entendo como Rueda lle dixo aos seus que votasen en contra, cando o galego se fala con normalidade en todos lados, desde Portugalete ao Nou Barris de Barcelona, onde por certo agora están celebrando o San Froilán. Entón é un problema que se fale no Congreso? Poñamos a hipótese de que eu son presidente da Xunta e Pedro Sánchez presidente do Goberno: estou seguro de que xamais me pediría votar en contra de falar galego. Pero que fixo Rueda? Porque se comporta como un títere de Feijóo e Ayuso, porque el tiña que defender o noso idioma en calquera parte do mundo. Equivócase e admais demostra que o PPdeG xa non ten esa vea autonomista que tiña: hoxe os seus referentes están en Madrid. E o mesmo coa comisión negociadora: a Rueda preocúpalle que haxa un galego nesa comisión da investidura, cando se eu fose el o que faría sería chamar a Besteiro para dicirlle: "Estes son os obxectivos de Galicia, os seus intereses e quero que se defendan". 

O que di é que vostede negociará favor de Cataluña sacándolle a Galicia. 

Pois mira ti en que está pensando! Rueda é así. E agora está metido nunha carreira por Galicia para que logo de 14 anos a xente o coñeza. E por riba usando un bus, cando tantas liñas de autobús suprimiu a Xunta, que ten tela! Eu non son coma el. 

Vostede pasou da nada ao todo. Sete anos desaparecido e agora leva medio ano de máxima exposición pública. 

E de compromiso! Sigo absolutamente igual de comprometido co país e co PSOE, tanto cando me apartei como agora, onde é certo que levo un 2023 intenso. Pero penso que, alí onde estiven, defendín os intereses do meu país e da miña provincia, Lugo. 

Hai nesa sobreexposición unha estratexia de promoción de Besteiro para Galicia?

Creo que non hai ese interese. Pedro Sánchez sempre me di que eu penso en galego e logo traduzo e que se me nota moito! E é certo, porque é a miña lingua nai, así que a miña elección para o debate no Congreso pareceume un acerto. Podía ser un socialista vasco ou catalán, pero optou por un galego porque representamos esa forma tolerante de expresarnos nunha das linguas cooficiais, sen danar a ninguén. E logo a elección para a comisión negociadora responde a que son unha persoa dialogante e con experiencia nesa forma de negociar que se quere abrir en relación con esa nova España plural e aberta que pediron os electores o 23 de xullo.  Así que responde a un criterio de utilidade. 

Levo un 2023 intenso, pero penso que en todos os postos onde estiven sempre defendín os intereses de Galicia e de Lugo"

En Galicia, precisamente, vostede ten a teoría de que haberá adianto electoral das autonómicas. Que lle di o olfato sobre a data?

Eu non son quen ten a competencia para fixar a data, pero penso que hai unha sensación de adianto. Esa carreira de Rueda para ver se o coñecen rápido parece apuntar a unha situación de nerviosismo. Eu pregúntome como é posible que logo de 14 anos de vicepresidente os galegos non o coñezan mellor! E logo o fracaso rotundo de Feijóo en Madrid tampouco lle axuda, porque son dúas persoas que van unidas. Por iso creo que o adianto é posible. 

Se Rueda adianta moito ao PSdeG ao mellor non lle dá tempo a facer as primarias, que teñen un regulamento que esixe certo tempo. Que ocorrería entón?

Non sei se adiantará moito ou non, pero en todo caso o PSdeG terá resposta á situación. 

Vostede foi o primeiro secretario xeral do PSdeG elixido en primarias. Gústalle o sistema ou cre que sempre deixa feridas abertas e divide os partidos?

Non é o mesmo falar de primarias agora que hai dez anos. Os procesos políticos evolucionan e coa práctica vanse integrando nunha forma de ser. No PSOE as primarias irromperon con forza e non é o mellor sistema nin o peor, senón que é o froito da evolución dun partido que escoita a sociedade. Para min son positivas e as feridas cada vez menores, a medida que as primarias se integran e se viven con normalidade. 

Tamén ten a teoría de que Rueda e o PPdeG están en final de ciclo. Por que?

Vemos unha Galicia que leva os 14 anos de goberno do PP languidecendo a nivel económico, demográfico, social... Dá a sensación de que a Xunta non mellora a vida da xente, non lle afecta. Sobre todo coa súa actitude de botar balóns fóra e non asumir as responsabilidades propias de alguén que goberna a toda a poboación cun orzamento de case 12.000 millóns. Esa sensación é a que está madurando na sociedade, a dun fin de ciclo no que Galicia sairá gañando e co PSOE liderando o cambio na Xunta. 

Na sociedade galega madura a sensación de fin de ciclo do PPdeG e de que a actual Xunta non mellora a vida da xente" 

En 2016 vostede ía ser candidato á Xunta e daquela falábase de que a esquerda podía sumar para apartar a Feijóo. Logo pasou todo o que pasou... Ve máis factible derrotar o PPdeG en 2024 que naquel 2016?

Eu creo que neste momento é posible. Albíscase un final de ciclo e a posibilidade de cambio, pero ese cambio e o PSdeG van relacionados, unidos. Se se produce, só se producirá liderado polo PSdeG. 

Entón ve remontable para o PSOE galego a distancia co BNG?

Totalmente. Ese apoio por parte dos cidadáns xa se reflectiu nas locais e nas xerais e repetirase en 2024. A percepción de que no PSOE nos ocupamos dos problemas de Galicia é máis forte que a de se hai ou non candidato. 

Enténdese ben con Ana Pontón?

Enténdome ben co BNG, co que xa tiven experiencias no pasado e foron positivas. Pero no PSdeG non somos nacionalistas nin independentistas: somos socialistas, de esquerdas e temos unha visión de progreso de Galicia. 

O PSdeG cambiou demasiado nos últimos anos de referentes e liderados e faltoulle certa estabilidade. Que PSdeG lle gustaría ver no futuro?

Creo que o que representamos hoxe os socialistas en Gailcia e no Estado: un PSOE moi preocupado polo avance social, por aumentar o peso económico e por ser máis abertos. Quereremos recuperar a forza que Galicia tivo no pasado, a nivel económico e social, e todo desde a perspectiva de seguir construíndo un futuro mellor da man doutras comunidades. 

Enténdome ben co BNG, pero os galegos saben que se hai cambio na Xunta só poderá ser co PSdeG no temón"

Se irrompe Sumar no taboleiro galego: axudará a esquerda porque a mobilizará ou vaina penalizar porque a dividirá? 

Sumar tomará a decisión que considere oportuna. En todo caso non me precupa quen se incorpore, senón o que nós poidamos facer como socialistas. Agardo que a nosa visión de país se acomode ao que a maioría dos galegos queren. 

Se algún día fose presidente da Xunta, que sería o primeiro que faría?

A primeira medida sería facer todo o contrario do que fai Rueda: eu traballaría pola unión e a suma de todos os galegos, porque xa que cada vez somos menos, alomenos debemos estar unidos nun obxectivo común. Se eu atopase un membro do PP con responsabilidade na comisión negociadora da investidura que puidese condicionar as políticas estatais en favor de Galicia, non tería medo a reunirme con el. 

Pasoulle factura anímica o mal resultado das xerais en Lugo?

Non, en absoluto. Houbo máis participación e o voto do PP concentrouse porque Vox está integrado claramente no PP no caso de Lugo e Cs non existía. O PSOE tivo máis votos que en 2019 pero un deputado menos, porque a aplicación da Ley D'Hont ten estas cousas: cun 50% de votos sacas o 75% de deputados. Gustaríame sacar outro deputado? Si, pero todo ten explicación e contexto. A clave nesta provincia é canalizar ben o voto útil, porque os 61.000 votos do PSOE, os 20.000 do BNG e os que tivo Sumar son equiparables aos que tivo o PP e iso é no que temos que insistir nas autonómicas, porque á xente que votou ao BNG gustaríalle hoxe que en lugar de estar 3-1 na provincia houbese un 2-2. Seguiremos insistindo niso. 

Que lles din as enquisas para as autonómicas?

Estou convencido, pola percepción da rúa, de que o cambio é posible e que ese cambio só será posible se o lidera o PSdeG. É unha percepción que está asentada entre os galegos, que ven o PSdeG levando o timón do futuro Goberno. 

Se se trata de levar o temón, que tal navega Besteiro?

A Besteiro dáselle de marabilla! En momentos de calma ou de tormenta [ri]. 

Remato xa. A próxima entrevista que lle faga será como candidato á Xunta?

Pois non o sabemos. Todo é posible!


"No Congreso estaba algo nervioso porque era un momento histórico e estaba emocionado no persoal"

Haberá investidura ou repetición electoral?

Eu confío en que haxa investidura e para iso imos traballar no marco constitucional do diálogo e a convivencia. Queremos un Goberno progresista que non deteña as medidas dos últimos cinco anos e que explore máis. Unha ambición de país que botei de menos no discurso de Feijóo, onde non houbo medidas porque o planteou como unha moción de censura. O presidente en funcións ten obxetivos: subir o SMI ao 60% do salario medio, meter 5.000 millóns anuais na hucha das pensións, reducir a factura eléctrica un 20%... 

Amnistía si ou non?

Marco constitucional. Esa é a resposta do PSOE hoxe e nos últimos cinco anos, porque non pode haber outra. Penso que a Sánchez non se lle pode reprochar xamais un incumprimento da Constitución, fronte a outros como o PP que din defendela pero que a incumpren a diario non renovando o CGPJ, por exemplo. 

Que tal a experiencia do Congreso? 

Gústame! É algo novo que non coñecía, pero vexo que é un espazo moi plural e moi aberto que reflicte moi ben como é España, onde non todo pasa por Madrid. 

Estaba nervioso no debut?

Un pouco si. Pero en canto subes á tribuna pasa. Pero un chisco de nervios si que tiña porque era un momento histórico e persoalmente estaba emocionado. 

Eu confío en que haxa investidura de Pedro Sánchez no marco constitucional, con diálogo e con convivencia"

Quen o sorprendeu para ben e para mal nestas semanas na Cámara?

No negativo Feijóo. Aínda que eu xa o coñecía, si sorprendeu a moita xente en Madrid que tiña unha perspectiva máis construtiva del. Definiuno ben o voceiro do PNV: "No conocíamos a Feijóo pero ahora sabemos que no es lo que dice ser". E favorablemente sorprendeume a normalidade coa que no meu grupo se viven procesos como o idiomático, onde por exemplo os deputados andaluces teñen unha actitude favorable coa nosa lingua e coas distintas realidades do país. 

Usará o galego nalgunha intervención?

Eu si. Xa o utilicei despois, porque na investidura dixen "non" dúas veces [ri].