sábado. 05.12.2020 |
El tiempo
sábado. 05.12.2020
El tiempo

Miles de mulleres farán de Verín a "capital do feminismo galego"

Protesta no Hospital de Verín tras a decisión do Sergas de pechar o paritorio. BRAIS LORENZO
Protesta no Hospital de Verín tras a decisión do Sergas de pechar o paritorio. BRAIS LORENZO
Confírmase o desprazamento de 24 autobuses cheos de simpatizantes que acudirán o 8M á localidade ourensá

Verín aspira a converterse este domingo na "capital do feminismo galego" con motivo da gran manifestación á que está previsto que acudan miles de mulleres provenientes de diferentes puntos de Galicia, como acto previo á celebración o Día Internacional da Muller Traballadora, o día 8. 

A multitudinaria manifestación que partirá ás doce da Avenida de Portugal, percorrerá as principais rúas do centro da vila ata chegar á Praza Maior, onde se procederá á lectura dun manifesto, o que dará paso a actuacións musicais.

Nunha comparecencia de prensa celebrada este xoves, representantes do colectivo de Galegas 8M –que comprende a sindicatos, partidos, organizacións e plataformas– confirmaron o desprazamento de 24 buses ata a capital da comarca de Monterrei o que supón a presenza dunhas "1.200 mulleres" para participar na manifestación. 

Baixo a lema Sen coidados non hai vida, mudando ou sistema, derrubando ou patriarcado, preto de medio centenar de organizacións que se engloban en Galegas 8M reivindicaron a importancia deste acto en Verín para "descentralizar" o movemento feminista e levalo a todos os puntos de Galicia. 

Representantes deste colectivo defenderon que este acto ten unha dobre finalidade como "é celebrar" a reapertura do servizo do paritorio no Hospital comarcal pero tamén "denunciar a violencia institucional" que se exerce contra as mulleres. A celebración desta mobilización en Verín produciuse en pleno peche do paritorio por parte da Xunta, que nestes momentos, xa funciona con normalidade, logo de dous meses pechado.

Con esta manifestación, este colectivo pretende visibilizar a súa postura en contra da decisión da Xunta "de obrigar ás nais e bebés a desprazarse" por unha decisión "patriarcal baseada en criterios políticos e económicos".

En canto aos pormenores da mobilización, Galegas 8M fixo un chamamento para que tanto "a primeira franxa" como as primeiras filas estean encabezas polas mulleres, de tal forma que os homes pasen a ocupar "o bloque mixto" da manifestación e que as mulleres e colectivos feministas sexan "as protagonistas" este día.

Así mesmo, pediron aos partidos políticos que "deixen de lado as súas siglas e simboloxía" para que teñan "a sensibilidade de non acaparar o protagonismo" este día.

A convocatoria en Verín é un dos actos centrais do Día da Muller xa que o propio 8M non se convocará folga xeral a fin "de pór o foco nos eixos" onde se atoparon máis dificultades", como é o tema dos coidados e o consumo. 

A Xunta decreta as normas de servizos mínimos para o 8M
O Goberno galego aprobou na súa reunión semanal o decreto que dita as normas para garantir os servizos esenciais durante a folga. 

As tres centrais sindicais que convocaron a folga son a Central Unitaria de Traballadores (CUT), o Sindicato Labrego Galego e a Confederación Nacional do Traballo Vigo (CNT Vigo). 

A Xunta concreta que, segundo a convocatoria, iniciarase ás 0.00 do 8 de marzo e finaliza ás 24.00 do mesmo día. Especificamente para as traballadoras do sector da prensa escrita a folga iniciarase ás 00,00 horas do 7 de marzo, e finalizará ás 24.00 horas dese mesmo día. 

A CNT Vigo convoca ao ámbito territorial do municipio e a súa comarca naquelas quendas que empecen antes das 00.00 horas e a folga terá lugar nas 24 horas seguintes. 

Mediante este decreto recóllense os servizos esenciais no ámbito de Presidencia, na Vicepresidencia, Medio Ambiente, a Consellería de Infraestruturas, na Consellería de Economía, na Consellería de Educación, na Conselleríad e Cultura, na Consellería de Sanidade, na Consellería de Política Social, na Consellería de Medio Rural e na Consellería do Mar. 

A Xunta subliña que, debido a que a folga se desenvolverá nun domingo, este aspecto foi tido en conta para os efectos de fixar os servizos. 

Miles de mulleres farán de Verín a "capital do feminismo galego"
Comentarios