domingo. 29.11.2020 |
El tiempo
domingo. 29.11.2020
El tiempo

Morre Quinín, o porco que esquivou o coitelo durante 14 anos

Quinín. MARTI PROS
Quinín. MARTI PROS

O cocho máis lonxevo de Galicia morreu de vello na finca de Carral na que pasou os seus últimos anos

Quinín faleceu. O famoso porco que esquivou o coitelo e a pistola durante máis dunha década mentres os seus compañeiros eran sacrificados por San Martín morreu hai uns días dun fallo do corazón propio da súa idade: 14 anos segundo o seu último dono.

O gorrino, que chegou a pesar 350 quilos nos seus tempos bos, vivía desde hai varios anos nunha leira do municipio coruñés de Carral, onde se converteu en toda unha atracción. 

"De Quinín dicíase que tiña unha intelixencia superior a un neno de tres anos e que respondía cando o chamaban"

A súa historia saltou aos medios en 2008. Destacaba a intelixencia de Quinín, a quen o seu primeiro dono, un veciño de Dumbría, sacaba a pasear polas rúas da vila da Costa da Morte. Un bo día decidiron sacrificalo pero era tanto o agarimo que espertara que houbo moitas voces que trataron de impedilo. Incluso a asociación para a defensa dos animais Anima Naturalis lanzou unha campaña que tivo bastante difusión.

"Os ecoloxistas sosteñen que o porco ten unha intelixencia superior a un neno de tres anos e que pode responder cando ouve que o chaman", explicábase nunha reportaxe que asinaba Olaia Ucha neste xornal o 18 de novembro de 2008.

Unha campaña evitou o seu sacrificio en Dumbría en 2008 e desde entón vivía en Carral


A mobilización tivo efecto e Quinín evitou o sacrifico. De Dumbría trasladouse a Carral, onde un grupo de amigos o adoptaron e coidaron desde entón. Viviu ben, nunha leira na que moitos dos seus novos veciños lle levaban comida para que non lle faltase de nada.

Ata hai uns días, cando Quinín, que se pasou a vida desmontando o devandito de que "a todo porquiño lle chega o seu San Martiño", morreu de vello e non no matadoiro. 

Morre Quinín, o porco que esquivou o coitelo durante 14 anos
Comentarios