Morre un mozo e o seu pai resulta ferido grave ao virse abaixo unha cuberta en Campo Lameiro

O accidente ocorreu cando ambos traballaban no inmoble que ocupa unha céntrica panadería da localidade
Accidente laboral en Campolameiro
photo_camera Cuberta na que se producíu o accidente. GONZALO GARCÍA

Un novo operario de 21 anos de idade faleceu este mércores e o seu pai de 49 anos resultou ferido grave nun accidente laboral rexistrado ao precipitarse a cuberta na que traballaban nunha céntrica panadería de Campo Lameiro.

Segundo confirmaron fontes sanitarias, o pai foi intervido de varias fracturas, aínda que non se temía pola súa vida.

Segundo informou o 112 Galicia, este accidente laboral ocorreu sobre as 11.00 horas deste mércores no lugar de Liñariños. Persoal sanitario comunicou ao servizo de urxencias a mobilización do helicóptero medicalizado para a atención de dous traballadores feridos logo de caer dun tellado.

Fontes veciñais indican que o accidente se produciu cando os operarios estaban a substituír a cuberta do inmoble e esta veu abaixo, de modo que os operarios caeron desde unha altura de catro metros.

No momento do accidente había catro traballadores no inmoble, segundo indican estas fontes.

Fontes sanitarias indicaron que o 061 enviou unha ambulancia e un helicóptero medicalizado para atender a dous homes, un dos cales faleceu no lugar, S.R.B., de 21 anos, mentres que o outro traballador, C.R.S., de 49 anos, foi evacuado na aeronave ao Hospital Montecelo.

Pola súa banda, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia informaron os membros do GES da Estrada e a axentes da Garda Civil.