A nai do Chicle: "Intentou matarse tres veces; está moi mal"

Os pais do asasino confeso de Diana Quer falan ante as cámaras da TVG

José Abuín e Margarita Gey, pais do Chicle, durante a entrevista. TVG
photo_camera José Abuín e Margarita Gey, pais do Chicle, durante a entrevista. TVG

Os pais do Chicle, Margarita Gey e José Abuín, aseguran que o seu fillo, o asasino confeso de Diana Quer, non actuou só. Nunha entrevista concedida á TVG, desvelan ademais que o acusado se intentou suicidar tres veces no cárcere tras coñecer a intención da súa esposa, Rosario Rodríguez, de divorciarse del.

"Eu sei que o meu fillo non o fixo. Axudaría, pero só, non. Sentíase ameazado", explicou Margarita Gey en referencia á súa nora, coa que asegura que mantén unha mala relación tras unha tensa chamada telefónica. "Ela faloulle moi mal. Eu díxenlle 'Rosario, eu sei máis do que pensas'. E desde aquela, nada. Non podemos chamar", contou José Abuín. 

Como consecuencia, aseguran que Rosario Rodríguez non lles permite ver A súa neta. "O máis duro é non poder ver a neta. Se queremos vela, temos que ir a un xulgado e pedilo. Pero eu non quero iso para ela", explicou entre bágoas a nai de Abuín Gey.

Os pais do Chicle revelaron ademais que Rosario Rodríguez quere divorciarse do seu marido, unha situación que está a afectar a Abuín Gey no cárcere. "Intentou matarse tres veces. Estanlle dando medicamentos para os nervios. Está moi mal pola muller. Quéreo deixar, e de feito xa o deixou porque nin lle escribe nin cousa ningunha", lamentou Margarita Gey.

Os pais do asasino confeso de Diana Quer esperan que o xuízo lles permita aclarar as dúbidas que existen ao redor do caso. Neste sentido, intentaron convencer a Rosario Rodríguez de que non se divorcie ata a celebración do proceso. "Espera a que salga o xuízo e despois firmas", insistiulle Margarita Gey. 

Comentarios