"Non hai circulación de virus que indique risco de que os mosquitos tigre estean infectados"

Trala detección en Moaña da presenza do mosquito tigre, unha especie que pode transmitir virus ás persoas, a Consellería de Sanidade confirmou que os 8 exemplares atopados non son portadores de enfermidades polo que apela á tranquilidade. Con todo, a subdirectora xeral de Información sobre saúde e Epidemioloxía, Marta Piñeiro, repasa as medidas de precaución que se poden adoptar
Marta Piñeiro, subdirectora xeral de Información sobre saúde e Epidemioloxía.EP
photo_camera Marta Piñeiro, subdirectora xeral de Información sobre saúde e Epidemioloxía. EP

O comité técnico de coordinación vaise reunir hoxe para determinar as medidas a adoptar. Que tipo de accións se contemplan?

O primeiro é ver a extensión da ubicación do mosquito. Galicia ten unha Rede de Vixilancia de Vectores (Regavivec) dende o 2017 e levamos facendo mostraxes con mosquitos durante estes anos. Esta detección en concreto foi ao través da colaboración cidadá. Ata o de agora, coas nosas trampas non se atoparan mosquitos tigre. O primeiro paso será determinar a localización e a extensión para adoptar posibles medidas de actuación.

Confirmaron que os oito exemplares localizados en Moaña non son portadores de enfermidades. De tódolos xeitos, convén manter certas cautelas?

Si. O mosquito prolifera en auga estancada, así que hai medidas que podemos aplicar para procurar que non se estendan. Debemos evitar acumulacións de auga en zonas de desaugadoiro, cubrir balsas e piscinas, eliminar as augas sobrantes das macetas, limpar e baleirar cada dous ou tres días os bebedoiros das mascotas. Trátase de manter unha hixiene ambiental dos sitios que poden acumular auga. Tamén é recomendable utilizar mosquiteiros nas casas. A nivel individual, aínda que estamos no verán, o ideal é cubrirnos con mangas e pantalóns longos para evitar as picaduras e tamén utilizar repelentes.

Hai que evitar acumulacións de auga estancada. A nivel individual o ideal é usar repelentes e cubrirnos

Noutras partes de España onde se detectou a presenza deste insecto, sobre todo no Mediterráneo, tampouco houbo constancia de que transmitisen virus…

Non, porque España non é un país endémico en enfermidades coma o dengue, o zika ou o chikungunya e Galicia, menos. A maioría dos casos que se detectan en España son importados. En Galicia, fórono todos os poucos que se deron nos últimos anos. Non hai unha circulación de virus que nos indique que hai risco de que os mosquitos estean infectados.

En todo caso, de chegar a picarnos, que efectos pode ter en relación ás picadas doutros mosquitos?

Ás veces, é unha picadura un pouco máis molesta e dolorosa. Pero, en xeral, non debera provocar máis que a típica reacción inflamatoria. Cómpre lavar a zona, desinfectala e pódense utilizar tratamentos sintomáticos antihistamínicos locais se persisten as molestias.

Só no 2022, a Rede Galega de Vixilancia de Vectores identificou máis de 6.000 mosquitos con capacidade para transmitir enfermidades…

Si. Na web de Regavivec temos toda a información. Lidéraa a Dirección Xeral de Saúde Pública e ten convenio con outras unidades como a Consellería do Medio Rural e as universidades de Vigo e Santiago. Esta rede establece cada ano unha serie de trampas por toda Galicia. Ademais, traballa tamén con centros de saúde colaboradores de tal maneira que a base de trampas ou de notificar picadas faise un mapa das especies que circulan e da súa extensión. Cada ano faise un informe que se publica na web. Dos 6.000 mosquitos detectados no 2022, ningún foi un mosquito tigre. Dous de cada tres son da tipoloxía común.

Dende a Regavivec vixiamos mosquitos e carrachas. Poñemos trampas e os centros de saúde colaboran connosco

Dende a Regavivec levan lanzado algún aviso máis á sociedade?

Non. É o primeiro avistamento dun mosquito invasor, neste caso procedente do sudeste de Asia. O que si houbo é algunha detección de carrachas, a outra especie que vixía a rede xunto cos mosquitos porque tamén poden transmitir enfermidades. Pero non tivemos ningún caso de carracha ou mosquito infectado cunha enfermidade transmisora.

A aplicación ‘Mosquito Alert’ é unha das patas que vos facilitan o traballo na rede. Calquera particular pode mandar un aviso?

Fixemos un convenio co CSIC e, nos últimos meses, en redes xa se difunde información sobre esta aplicación. Cárgase no móbil e pódese notificar unha picadura ou enviar unha foto dun mosquito. Iso logo é revisado por entomólogos da Regavivec e do Estado para axudar á identificación.

Comentarios