A obra de Dalí ou a poesía de Horacio, entre as probas do segundo día da Selectividade

Para o venres quedan probas com Bioloxía e Historia da Arte, Xeoloxía e Historia da Filosofía e Economía

Segundo día de Selectividade en Pontevedra. DAVID FREIRE
Segundo día de Selectividade en Pontevedra. DAVID FREIRE

As probas de selectividade en Galicia continuaron este martes coa segunda xornada de exames, un día marcado polas materias máis técnicas e específicas das diferentes ramas de bacharelato e que abarcan propostas tan dispares como a obra de Dalí, a química e a xeografía ou a poesía de Horacio. 

A xornada arrincou este xoves, ás 09,00 horas, coas probas de Matemáticas aplicadas ás Ciencias Sociais e Fundamentos da Arte II

Neste último caso, o formato de exame é similar ao da antiga PAU: os alumnos atópanse ante dúas obras e diversas cuestións relacionadas coa historia, as características e a reflexión persoal sobre os autores. 

En concreto, as obras escollidas foron os óleos En la orilla del mar de Salvador Dalí e The Monk by the Sea de Caspar Friendrich, de 1931 e 1808, respectivamente. 

Os aspirantes tiveron que situar a estes autores no seu contexto histórico, tanto económico, social como cultural, determinar a súa traxectoria artística, e describir o estilo dalgunha das obras propostas. 

Finalmente, a partir desta análise, o alumno debía realizar un comentario e unha reflexión persoal das pezas, observando tanto o contido simbólico e a actitude expresiva como a execución técnica e a composición das mesmas. 

As seguintes probas correspondíanse coas avaliacións de Matemáticas II e Latín II, que se iniciaron ás 11.00 horas. 

A composición de Latín II tamén foi idéntica á clásica selectividade, cun texto e exercicios de análises morfolóxico e sintáctico de determinadas palabras e dun fragmento subliñado. 

Así mesmo, outra das cuestións referíase ás partes habituais dos discursos de Cicerón e á poesía lírica de Horacio para, finalmente, concluír con exercicios de prefixos e de cuestións terminolóxicas.

Últimas probas
O resto da xornada do xoves incluíu tamén as probas de Debuxo Técnico, Artes Escénicas e 2ª Lingua Estranxeira II ás 13,00 horas e, xa pola tarde, os exames de Física, Xeografía e Cultura Audiovisual (16.00 horas) e Química e Grego II (18.00 horas). 

O venres concluirá a ABAU con Bioloxía e Historia da Arte (09,00), Xeoloxía e Historia da Filosofía (11,00) e Economía da Empresa e Deseño (13,00 horas). 

Comentarios