O pai e o cuñado do falecido en Noitevella en Oleiros declararán como investigados

Expertos recollen probas tras a morte dun home nunha liorta en Oleiros. CABALAR
Atribúeselles un delito de lesións no transcurso da pelexa

A titular do Xulgado de Instrución número 2 da Coruña citou a declarar como investigados o pai e o cuñado do mozo falecido en Oleiros nunha liorta ocorrida o día de Aninovo despois da celebración nun hotel coruñés da festa de Noitevella. Así o informaron fontes próximas ao caso que precisaron que a declaración será o día 14. Ambos farano en condición de investigados por un suposto delito de lesións no transcurso da pelexa que se produciu entre dous grupos, primeiro no interior do hotel e logo no exterior. 

No transcurso da refrega, a vítima, de 31 anos, recibiu un golpe cun cinceiro metálico, segundo confirmou a Garda Civil. Agora estase pendente dos resultados da autopsia para determinar os motivos da súa morte ou se o golpe puido provocar o seu falecemento. 

Pola súa morte foron detidas dúas persoas. Un deles, de 27 anos, era coñecido da vítima. Para el a xuíza decretou o seu ingreso en prisión provisional comunicada e sen fianza como investigado por un delito de homicidio. O outro detido, de 33 anos, quedou en liberdade coa obrigación de compareceer quincenalmente no xulgado e en condición de investigado por un delito de lesións. 

Os feitos producíronse ao redor das 06.00 horas do pasado día 1 durante unha pelexa coa participación de varias persoas entre dous grupos. A vítima faleceu no exterior do establecemento, onde acudira, xunto á súa familia, a celebrar a festa de Fin de Ano.