As peaxes das autoestradas autonómicas seguirán conxeladas

A Xunta mantén os descontos e incorporará ao convenio unha nova axuda para familias numerosas
Cabinas nunha peaxe da AP-9. DAVID FREIRE
photo_camera Cabinas nunha peaxe da AP-9. DAVID FREIRE

O Goberno galego manterá conxelados en 2020 as peaxes para as autoestradas de titularidade autonómica A Coruña-Carballo (AG-55) e Val Miñor (AG-57), fóra de dous tramos e en ambos os casos o incremento cinguirase a vehículos pesados. 

Segundo a información facilitada a Europa Press polo departamento autonómico de Infraestuturas, o resultado da fórmula que se aplica para calcular a tarifa de cada exercicio dá un incremento do 0,122%, pero a súa aplicación práctica será a conxelación das tarifas para vehículos lixeiros para todos os traxectos. 

Só sobe un itinerario da AG-57 para 'pesados 1' (Vigo-A Ramallosa) e outro para 'pesados 2' (Vincios-Nigrán), con 5 céntimos en cada caso. A fórmula deriva do Real Decreto 210/1990, sobre o procedemento de revisión de tarifas de autoestradas de peaxe. Traducida, vén ser o 95% da variación do IPC no último ano. 

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou a conxelación das peaxes e informou de que o Goberno, na súa reunión deste xoves, autorizou a firma do convenio de colaboración entre o Executivo e Autoestradas de Galicia S.A. para renovar as bonificacións nas súas dúas autoestradas autonómicas ata o ano 2023, cun investimento de 4,7 millóns de euros.

O Goberno galego prevé incorporar a este convenio unha nova bonificación, neste caso para familias numerosas

NOVA BONIFICACIÓN. O Goberno galego dá así continuidade ao réxime de bonificacións de peaxe para itinerarios frecuentes, de volta no mesmo día, e os descontos por tramo en horario nocturno aplicables ás peaxes vixentes en ambas as autoestradas. Estas dúas bonificacións son acumulables entre si. 

Nos próximos días asinarase o convenio aprobado polo Executivo, para a entrada en vigor dos seus efectos o día 1 de xaneiro de 2020, dando deste xeito continuidade ás bonificacións que se aplican actualmente nestas autoestradas. 

Ademais, no ano 2020, e tras a aprobación da Lei de impulso demográfico, o Goberno galego prevé incorporar a este convenio unha nova bonificación, neste caso para familias numerosas, tal e como prevé a normativa autonómica. 

Feijóo concretou que, nos dous primeiros meses desde a súa implantación, aplicouse o desconto nocturno do 50 por cento a case 33.800 desprazamento.

Nos próximos días asinarase o convenio aprobado polo Executivo, para a entrada en vigor dos seus efectos o día 1 de xaneiro de 2020

OUTROS ACORDOS. Por outra banda, o Consello autorizou a colaboración co Concello de Valga para o acondicionamento da PO-190, cun investimento autonómico de case 365.000 euros. 

Tamén deu luz verde á declaración de urxencia das obras de reparación do tramo da LU-642 no Incio afectado por un temporal de choiva.

Comentarios