sábado. 24.10.2020 |
El tiempo
sábado. 24.10.2020
El tiempo

A galega PharmaMar anuncia que podería ter un fármaco para o coronavirus

José María Fernandez Sousa-Faro, presidente de Pharmamar. AEP
José María Fernandez Sousa-Faro, presidente de Pharmamar. AEP
Trátase da aplidina, un medicamento para o cancro hematolóxico que esperan desenvolver en cuestión de semanas

A farmacéutica galega PharmaMar anunciou que conta cun composto terapéutico que está en fase de investigación para tratar o actual brote de coronavirus, denominado Covid-19, co propósito de confirmar o seu funcionamento en cuestión "de semanas". 

Así o avanzou o presidente da farmacéutica española, José María Fernández, nun encontro coa prensa, no que explicou que se trata da aplidina, un medicamento para o cancro hematolóxico que xa está aprobado en Australia e en fase de aprobación en Taiwan, Nova Zelandia e Corea do Sur.  Tras o anuncio, o valor de PharmaMar disparouse en bolsa.

Fernández destacou as "altas expectativas" da compañía en que as probas confirmen a aplidina como novo "arsenal terapéutico" contra o coronavirus "antes dun mes", fronte aos 12 e 18 meses que podería demorarse a comercialización de vacinas. 

O presidente de PharmaMar detallou que o Covid-19 necesita a proteína EF1A, presente no corpo humano, para que a nucleoproteína N do virus se faga visible e consiga reproducirse e propagarse polas células. A aplidina secuestraría o virus, formando un complexo estable que faga que o virus non sexa viable. 

En caso de confirmar esta reacción ante o coronavirus, PharmaMar solicitaría un fast track para a súa aprobación e comercialización deste compoñente, que en Europa non foi aprobado cando o presentou en 2018 ante a Axencia Europea do Medicamento (Ema, polas súas siglas en inglés). Por iso, para axilizar os trámites, tamén o presentará á axencia homóloga en Estados Unidos, a FDA. 

"Cremos que temos un composto que funciona nos coronavirus; temos que facer a investigación e estamos xa pasando mostras a laboratorios especializados para probar as nosas hipóteses. Están a buscarse solucións, como vacúas, pero que tardarán entre 12 e 18 meses en estar listas; para entón quizais non fagan falta porque xa estamos inmunizados", agregou Fernández.

"KIT DE DETECCIÓN". Á espera destes resultados, a súa filial Genomica conta cun kit para detectar 22 enfermidades respiratorias producidas por virus, entre os que se atopan tres tipos de coronavirus. Por iso, Fernández cre que se foron capaces de pór a punto o test para estes tres tipos de coronavirus, tamén o farán para o Covid-19. 

Isto vai depender de ter as mostras e de comprobar que funcionan ben. "Non debería de haber ningún problema para que estivese listo en cuestión de tempo; non está 100% garantido pero serán capaces de polo a punto", sinalou Fernández. 

PharmaMar atópase agora nun momento de expansión do negocio, despois de que a finais de decembro asinase cunha compañía estadounidense unha operación para a distribución do seu medicamento para o cancro de pulmón microcítico, valorada en máis de 1.000 millóns de dólares (900 millóns de euros). 

Neste contexto, xunto cos tres produtos que xa ten no mercado, a empresa vai utilizar os novos recursos financeiros no desenvolvemento de máis compoñentes de orixe mariña que agora están en fase preclínica e na procura doutros para licenciar en Europa. 

Así mesmo, PharmaMar utilizará a súa caixa para repartir o seu primeiro dividendo de 0,04 euros por título aos accionistas da sociedade. En caso de aprobación da lurbinectedina por parte da FDA, cuxa data límite está fixada para o próxima mes de agosto, a repartición dos beneficios ao accionistas será "sostido no tempo". 

A galega PharmaMar anuncia que podería ter un fármaco para o...
Comentarios