Polémico positivo dun lucense nun control de alcolemia: di ser abstemio e culpa ao hidroxel

A Garda Civil insiste en que os test son infalibles
Proba de alcoholemia. DP
Un condutor nun control de alcolemia. MIGUELRD68 (Pixabay)

Un condutor lucense ao que pararon nun control de alcolemia na A-8 en Asturias asegura que, a pesar de non consumir alcol por ser abstemio, deu unha taxa de 0,36. Segundo informa a TVG, repetíronlle a proba con outro etilómetro que o axente desinfectou con xel hidroalcólico, e daquela deu 0,004. O afectado atribúe o resultado ao uso do xel na limpeza do aparello, pero desde a Garda Civil de Tráfico negan esa posibilidade.

Segundo a Benemérita, en cada control desinfectan o etilómetro con xel aplicado nun pano antes de que o condutor sopre e, se da positivo, fanlle unha segunda proba con outro aparello, que tamén se limpa previamente. Aseguran que a proba é infalible e que, aínda que houbera unha mala praxe por parte do axente na limpeza e o xel entrase no dispositivo, o detectaría e non permitiría facer a proba. Así, conclúen que non hai posibilidade de falsos positivos nos tests de alcolemia.

Comentarios