jueves. 13.05.2021 |
El tiempo
jueves. 13.05.2021
El tiempo

Pontón: "Galicia ten futuro porque o Goberno de Feijóo non o ten"

A portavoz do BNG, Ana Pontón. PEPE FERRÍN
Ana Pontón durante a súa intervención no Debate do Estado da Autonomía no Parlamento. PEPE FERRÍN (AGN)
"Hoxe vimos un Goberno esgotado e intranscendente, que no centro da súa axenda só ten a supervivencia do PP e do seu líder", sentenciou a portavoz nacional do BNG  

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, asegurou este mércores que "Galicia ten futuro porque o Goberno de Alberto Núñez Feijóo non o ten" e acusou ao PPdeG de deixar unha comunidade "afogada por cinco crises": a demográfica, a económica, a do benestar e a igualdade, a ambiental e a de autogoberno.

"Hoxe vimos un Goberno esgotado e intranscendente, que no centro da súa axenda só ten a supervivencia do PP e do seu líder", sentenciou Pontón na súa intervención no Debate do Estado da Autonomía, no que insistiu en que Galicia "merece máis" e "ten que mirar ao futuro, non ao pasado que representa o señor Feijóo".

A líder do BNG tamén preguntou ao presidente "cal é o valor da súa palabra tras dez anos de Goberno cun reguero de promesas incumpridas", tras o que concluíu que "a súa palabra non vale nada", xa que "vive nunha realidade paralela, a dunha Galicia convertida nunha Arcadia feliz".

A portavoz nacionalista denunciou "a falta de visión, iniciativa e ilusión" da Xunta de Galicia, tras constatar no discurso do seu presidente que "non ten axenda de futuro en liña cos retos do país e as tendencias actuais" e que, a nivel estatal, "Galicia non está presente nos debates, só pasou da submisión á intrascendencia".

"É triste, moi triste, pero Galicia non está nos debates, nas negociacións, nos proxectos ou nos investimentos", proseguiu a deputada, quen responsabilizou desta situación a un Núñez Feijóo "cohibido, incompetente e que caeu na irrelevancia".

Pontón contrapuxo en todo momento a denuncia das carencias do Goberno autonómico coa alternativa que representa o BNG, unha formación "coas mans libres para condicionar o Goberno do Estado" nun contexto no que "a subordinación a Madrid vaille mal a Galicia", o que sintetizou cun "menos Madrid e máis Galiza".

A portavoz nacional do BNG pasou a resumir a "década de sombras" de Goberno do PP na Xunta de Galicia en cinco crises, sendo a primeira a demográfica, dado que a comunidade "ten os peores datos da historia, xa que mentres o presidente propuña caixas finlandesas, 200.000 galegos emigraron por falta de oportunidades".

No aspecto económico, Pontón fixo referencia aos 21.600 empregos perdidos na industria ou os 4.000 empregos perdidos na pesca e o marisqueo no últimos dez anos, así como á deslocalización de empresas emblemáticas ou aos ERE en empresas como Alcoa, Isowat, Poligal, Vulcano, R ou Ferroatlántica.

"Tamén é responsable dunha década de desmantelamento do rural, na que desapareceron 6.000 explotacións lácteas e, en só dous anos, o agro perdeu 14.700 empregos", proseguiu Pontón, quen lembrou que o presidente "avanzara que esta sería a lexislatura do rural".

Para concluír, a portavoz chamou a incrementar o investimento en I+D+i e preguntou a Núñez Feijóo "cantos destes problemas vai solucionar o Xacobeo 2021", tras o que sentenciou que "a solución non pasa por encomendarse ao Apóstolo, senón por unha nova estratexia económica que non o fíe todo ao turismo".

En materia de benestar, a líder nacionalista denunciou o recorte acumulado de 2.000 millóns de euros na educación pública e que a Xunta de Galicia "cebouse coa sanidade pública, castigando á área de Vigo cun experimento errado, un hospital privatizado polo que pagamos tres veces máis do que custaría se fose público".

Pontón tamén lembrou a José Manuel Brey, "un home que faleceu no PAC da Estrada, onde só había un médico para atendelo", ou a "os case 8.000 galegos esperando na zona de sombra da atención á dependencia".

Por outra banda, o BNG reclamou ao presidente autonómico que apoie a súa proposta de destinar o 1% do orzamento da Xunta a loitar contra a violencia machista, xa que "non vale con porse un lazo lila na solapa o 8-M para pola tarde collerse de ganchete coa extrema dereita que nega a existencia da violencia de xénero e quere derrogar leis para combatela".

Con respecto ao medio ambiente, a portavoz nacionalista chamou a aprobar dous das súas propostas: a Lei Galega de Emerxencia Climática e a creación dunha Mesa Galega para a Transición Enerxética, medidas para combater "o incremento do 38 % nas emisións de grandes empresas entre 2008 e 2017 en Galicia".

Pontón referiuse tamén ao "desfalco" das caixas, un de "os maiores ataques" a Galicia: "fíxose unha fusión avalada persoalmente, os directivos acabaron en prisión, como moitos amigos seus e, despois de inxectar 8.000 millóns públicos, dun día para outro deciden vendela por 1.000 millóns a un empresario venezolano que recuperou o seu investimento nun ano".

Por último, en materia de autogoberno acusou a Núñez Feijóo de "mendigar" os 700 millóns que o Estado debe a Galicia polas entregas a conta "despois de asinar este sistema de financiamento sabendo que Galicia ía perder posicións e recursos".

"Esíxalle tamén a Madrid os 2.000 millóns de euros que nos debe o Estado para modernizar o ferrocarril ou os 200 millóns da dependencia, para iso terá o noso apoio", engadiu Pontón, quen tamén enunciou o "espolio enerxético", polo que, a pesar de producir enerxía, "este ano temos a luz máis cara do Estado".

A líder nacionalista concluíu, xa en clave electoral, reclamando para Galicia "un Goberno transcendente, con voz propia en Madrid e que teña no centro da súa axenda o pór o país a pleno rendemento".

"Ese é o compromiso que hoxe adquirimos neste debate con todos os galegos e as galegas: traballar para gañar un futuro prometedor en Galicia", concluíu. 

Pontón: "Galicia ten futuro porque o Goberno de Feijóo non o ten"
Comentarios