martes. 07.04.2020 |
El tiempo
martes. 07.04.2020
El tiempo

Pontón tacha a Feijóo de 'Terminator': "Foi o precursor do neomachismo"

Campaña do BNG para o 8-M. LAVANDEIRA JR.
Campaña do BNG para o 8-M. LAVANDEIRA JR.

Bota andar unha campaña do BNG para denunciar o "postureo" de dirixentes que só poñen un lazo lila sen cambiar políticas 

O BNG botou andar a súa campaña este ano con motivo do 8 de marzo nun acto no que a voceira nacional do Bloque, Ana Pontón, denunciou que o presidente da Xunta e o PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, foi o "preocursor do neomachismo que agora segue o seu partido pactando coa extrema dereita en Andalucía" a través de 10 anos de "recortes" en igualdade.  A campaña, que leva a lema #OSeuLazoSeñorPresidente, busca denunciar o "postureo" de dirixentes como Feijóo, que segundo o Bloque só poñen un lazo lila de cara á galería o 8 de marzo sen fomentar políticas que cambien a desigualdade entre homes e mulleres. 

Nun vídeo pode verse a un mordomo preparando o lazo lila mentres soan de fondo frases de líderes como Alberto Núñez Feijóo, Pablo Casado e Albert Rivera, que o Bloque asocia cos "machos alfa da dereita" e responsabiliza do "empuxe involucionista". "As súas políticas prexudican ás mulleres, pero tranquilo, o 8M pode disimular poñendo #OSeuLazoSeñorPresidente", reza a campaña. 

Así, Pontón cargou contra as políticas levadas a cabo por Feijóo nos últimos anos, xa que "recortou as axudas ás mulleres vítimas de violencia machista", "cargouse programas de acompañamento ás mulleres maltratadas", "reduciu os recursos para a igualdade e conciliación de forma drástica", á vez que "recuperou os concertos que segregan por sexo".  De feito, di que Feijóo lle lembra a Gallardón, que "se disfrazou de progre, pero que escondía a política máis reaccionaria" do PP. "Hoxe vemos a un Feijóo que é unha persona sumisa ante as directrices do seu partido, que en ningún momento contrariou ningunha destas declaracións tan ofensivas que fixo Pablo Casado nin se desmarcou", reprochou. 

Por iso, avisa de que o Bloque será "muro de contención" ante esta situación de "involución" da dereita "rancia e carca", mentres a brecha salarial creceu en Galicia "catro veces máis" que no Estado.

Con todo, Pontón quixo mandar unha "mensaxe de esperanza" para conseguir acabar coa desigualdade en Galicia, de forma que confía en que haxa un cambio de goberno no futuro para que se consigan avances como que un de cada 100 euros dos orzamentos da Xunta se destinen a terminar coa violencia machista. Deste xeito, a deputada nacionalista Noa Presas fixo un chamamento a participar nas mobilizacións dos próximos días. 

Así mesmo, Ana Pontón lembra que as "dúas primeiras decisións" que tomou Feijóo ao chegar ao poder —este venres cúmprense 10 anos— foron "atacar a lingua galega" e dar o seu apoio a unha entidade "extremista" e "antiabortista" como Red Madre, á que "desviou fondos de igualdade". 

"A día de hoxe se se celebrasen eleccións Alberto Núñez Feijóo non sería presidente", sentenciou Pontón.  recisamente sobre ese balance da década desde que o PP gañou as eleccións en 2009, avisa de que ademais da "caída en apoio ao PP" nas enquisas, os galegos "danse conta de que o Goberno de Feijóo é unha especie de 'Terminator", con máis paro, fenda salarial, emigración e degradación dos servizos públicos", censura. 

Pontón tacha a Feijóo de 'Terminator': "Foi o precursor do...
Comentarios