Pontón ve a Feijóo "nos mundos de yupi de Monte Pío", cun proxecto "esgotado"

Asegura que o presidente "non ten nada que ofrecer aos galegos"

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, considerou que o discurso pronunciado polo titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, deixa ver a un presidente "esgotado", que vive "nos mundos de yupi de Monte Pío" e que "non ten nada que ofrecer aos galegos". "Hai que vivir nos mundos de yupi para dicirlle aos galegos que hoxe estamos mellor que hai dez anos e demostra que está nunha especie de realidade paralela, ignorando o día a día da maioría social deste país", asegurou Pontón, que sinalou que a intervención de Feijóo deixa ver que este será o seu "último debate como presidente". 

Así se pronunciou a líder dos nacionalistas galegos en declaracións aos medios, aos que avanzou que o BNG defenderá que "hai outra Galicia posible". "Necesitamos pasar páxina da subordinación a Madrid e abrir unha nova etapa, un tempo novo no que os galegos marquemos unha nova axenda", manifestou.