Pontón ve a Feijóo "nos mundos de yupi de Monte Pío", cun proxecto "esgotado"

Asegura que o presidente "non ten nada que ofrecer aos galegos"

Pleno estado de la AutonomiaA portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, considerou que o discurso pronunciado polo titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, deixa ver a un presidente "esgotado", que vive "nos mundos de yupi de Monte Pío" e que "non ten nada que ofrecer aos galegos". "Hai que vivir nos mundos de yupi para dicirlle aos galegos que hoxe estamos mellor que hai dez anos e demostra que está nunha especie de realidade paralela, ignorando o día a día da maioría social deste país", asegurou Pontón, que sinalou que a intervención de Feijóo deixa ver que este será o seu "último debate como presidente". 

Así se pronunciou a líder dos nacionalistas galegos en declaracións aos medios, aos que avanzou que o BNG defenderá que "hai outra Galicia posible". "Necesitamos pasar páxina da subordinación a Madrid e abrir unha nova etapa, un tempo novo no que os galegos marquemos unha nova axenda", manifestou.

 Para Pontón, Feijóo ten "tan pouco que ofrecer" que "acode ao baúl dos recordos para rescatar proxectos dos anos 90" —como Galicia Calidade ou o Xacobeo— como "grandes achegas". "Pero estamos no século XXI e hai que dar resposta ao país de hoxe con retos moi importantes por diante", manifestou.

Galicia ten futuro se somos capaces de cambiar a subordinación a Madrid por un proxecto propio

A líder do Bloque insistiu en que "a fin de dez anos de goberno deixan a imaxe dun presidente sen proxecto, esgotado e sen ideas, dun Feijóo que asiste ao seu último debate como xefe do Executivo porque non ten nada que ofrecer".

PROPOSTAS DO SÉCULO XX E é que, para Ana Pontón, non é posible afrontar os desafíos de futuro "cun goberno do século XIX que rescata propostas do século XX" cando se está no "século XXI". E é que, conforme apuntou, hai retos como plantar cara á crise demográfica, á crise industrial, á crise ambiental e á crise de autogoberno que, na súa opinión, "deixa Feijóo".

Como segunda reflexión, a líder do BNG advertiu que Galicia pasou da "subordinación á irrelevancia" de tal forma que, a día de hoxe, "o único obxectivo de Feijóo é manterse el e o PP no goberno". Con todo, segundo apuntou, "non está en condicións de darlle a Galicia o impulso que necesita".

Galicia "ten futuro se somos capaces de cambiar a subordinación a Madrid por un proxecto propio, porque agora Galicia non está na axenda do Estado, non está no debate, non está nas negociacións, non está no orzamento, non está nos investimentos". "Temos que pasar a páxina da subordinación a Madrid e abrir unha nova etapa, un tempo novo para marcar a nosa axenda #ante o Estado e no noso país", indicou.

Comentarios