A Xunta reinicia a partir deste xoves, día 21, o prazo para a presentación de solicitudes para optar a cinco liñas de axudas destinadas a actuacións de rehabilitación e ao fomento da vivenda en aluguer, tal como establece a Resolución publicada no Diario Oficial de Galicia.
Os prazos de todas as axudas que estaban convocadas foron suspendidos o pasado mes de marzo como consecuencia do estado de alarma decretado pola pandemia de Covid-19. Agora, avanzou a Xunta, reinícianse para aquelas que "contribúen á reactivación progresiva da actividade económica e son indispensables para a protección do interese xeral".
As liñas de axudas afectadas son as que xa estaban convocadas e o prazo de presentación de solicitudes terminou durante o estado de alarma.
En concreto, amplíase ata o 2 de xuño o prazo para presentar solicitude ás axudas para a mellora da eficiencia enerxética, sustentabilidade, conservación e mellora da seguridade e accesibilidade das vivendas; e ata o 7 de xullo para as axudas a infravivendas.
Os que queiran optar a axudas para a rehabilitación de vivendas de mestres ou edificios de titularidade municipal terán tamén ata o 7 de xullo, mentres que as axudas a promotores de vivendas para aluguer contarán ata o 15 de xuño, a mesma data que se establece como límite para as solicitudes para axudas a promotores de vivendas para aluguer destinadas a persoas maiores ou con discapacidade.
No entanto, precisou a Xunta, as restantes liñas de axudas convocadas polo IGVS, cuxos prazos de presentación de solicitudes terminaban a partir do mes de setembro, non se viron afectadas pola suspensión dos prazos, polo que se poden solicitar ata a data prevista na convocatoria.