miércoles. 14.04.2021 |
El tiempo
miércoles. 14.04.2021
El tiempo

O presidente da CE nega que mantivera unha reunión con Manuel Baltar

Juncker e Baltar. DEPUTACIÓN DE OURENSE
Juncker e Baltar. DEPUTACIÓN DE OURENSE

Juncker reduce a saúdo "breve" o encontro co presidente da Deputación de Ourense

O presidente da Comisión Europea, Jean-Claude Juncker, asegurou nunha resposta remitida ao eurodiputado socialista José Blanco que "saudou brevemente" ao presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, durante a celebración da Semana Europea das Rexións e Cidades o pasado mes de outubro; pero nega que mantivera unha reunión co mandatario popular como informou o ente provincial. 

Na súa resposta, Juncker afirma que saudou a Baltar "así como a outros moitos representantes das rexións e cidades de Europa", polo que negou que mantivera unha reunión persoal co dirixente ourensán. 

A Deputación de Ourense informou o luns 8 de outubro a través dun comunicado que Manuel Baltar reuniuse en Bruxelas co presidente da Comisión Europea, Jean-Claude Juncker, co obxectivo de analizar "as vías para impulsar unha maior competitividade nas provincias de Europa, entre as que se atopan o desenvolvemento de políticas contra o despoboamento rural e o financiamento directo para os territorios provinciais". 

"A Comisión Europea non ten coñecemento de ningunha investigación relativa ao uso de fondos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) na provincia de Ourense, nin no período 2007-2013 nin no período 2014-2020. Polo que se refire ás investigacións da Oficina Europea de Loita contra a Fraude (OLAF), a Comisión Europea non pode pronunciarse sobre ningún caso que poida estar ou non investigándose actualmente", engadiu na resposta o responsable da Comisión Europea. 

"A proposta de Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado (Edusi) que presentou Ourense non foi seleccionada pola autoridade de xestión xa que non alcanzou a puntuación mínima nas convocatorias. Pode solicitarse máis información sobre o proceso de selección da Edusi á autoridade de xestión nacional responsable", concluíu Jean-Claude Juncker na súa contestación ao exministro de Fomento e agora europarlamentario José Blanco.

"RIDÍCULO" DE MANUEL BALTAR. Este mércores, o PSdeG de Ourense trasladou esta información aos medios nun comunicado no que asegura que este episodio deixa a Manuel Baltar no "máis absoluto dos ridículos" tras ser desmentida unha reunión que "non figuraba en ningunha axenda oficial e que, con todo, foi publicitada propagandísticamente polo goberno provincial con fotografías, comunicados e declaracións nos medios". 

Os socialistas criticaron que "a política de propaganda absolutista e 'selfis' de Baltar parece non ter límite", polo que esixiron ao presidente provincial "e aos seus palmeiros" que "deixen de facer o ridículo inventando bulos e pondo unha alfombra vermella ao 'tour' de mentiras no que están sumidos e póñanse a traballar pola provincia". 

Así mesmo, o PSDEG avanzou que "reclamará explicacións" ao presidente da Deputación de Ourense "sobre este festival de mentiras e ridículo internacional pagado con diñeiro público, mentres ten á provincia abandonada e arrasada polo despoboamento". 

O presidente da CE nega que mantivera unha reunión con Manuel Baltar
Comentarios