Profesionais de PACs urxen solucións para evitar mortes como a da Estrada

PACs en pé de guerra subliña que leva meses denunciando que traballan con "recursos mínimos"

Una manifestación de PACs en Pé de guerra. AEP
photo_camera Una manifestación de PACs en Pé de guerra. AEP

Profesionais dos puntos de atención continuada (PAC) de Galicia urxen solucións ao Servizo Galego de Saúde (Sergas) para evitar máis mortes como a dun paciente que esperaba ser atendido na Estrada mentres o persoal sanitario do centro ao que acudira asistía a un enfermo a domicilio.

Nun comunicado, o colectivo PACs en pé de guerra subliña que leva meses denunciando que traballan con recursos "mínimos" e sinala que precisamente no verán, cando "a carga asistencial e a poboación aumenta", a dotación de persoal é inferior ao resto do ano.

Censura que "a solución" escollida polo Sergas sexa a "sobreexplotación" do persoal, que "xa non pode máis", a través de alongamento de xornadas, limitacións do tempo de goce de vacacións e permisos ou a denegación de reducións de xornada por conciliación.

PACs en pé de guerra lamenta que o Sergas "bote balóns fóra, coma se cousa do azar se tratase", respecto da morte do paciente da Estrada.

Abunda en que "faltan autocrítica e solucións" a un problema que vén denunciando "con máis forza se cabe" nas últimas semanas ao comprobar que non se están cubrindo "nin os mínimos".

Nestas condicións, prosegue, o persoal acaba cada quenda de traballo "coa sensación de resolver os problemas como ben podemos, pero non como ben sabemos".

PACs en pé de guerra reivindica a formación de sanitarios suficientes que cubran as xubilacións, que se oferten prazas suficientes en oposicións que aseguren esa cobertura, e garantir ao persoal eventual uns "dereitos mínimos" para evitar a súa "fuga".

A solución, conclúe, pasa "por cambiar unha estratexia que se ve de xeito evidente que non está a resolver nada e que está a ter consecuencias sobre a poboación".

Comentarios