O protocolo podería incluír só zonas de alta incidencia epidemiolóxica de Portugal

As persoas que cruzan a fronteira habitualmente só terán que comunicar ese tránsito unha vez
Feijóo e Conde, reunidos co embaixador de Portugal, João Mira Gomes. EFE
photo_camera Feijóo e Conde, reunidos co embaixador de Portugal, João Mira Gomes. EFE

O presidente do Goberno galego en funcións, Alberto Núñez Feijóo, avanzou este mércores que, nos próximos días, o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, manterá reunións para avaliar a posibilidade de rexionalizar Portugal e incluír no protocolo de viaxeiros elaborado pola Xunta só as zonas con maior incidencia epidemiolóxica do país luso. 

Aínda que no protocolo que obriga a comunicar estancias en zonas de risco non se fan diferenzas con respecto ao territorio dos países, excepto no caso de España, Feijóo trasladado a necesidade de establecer unha diferenciación por zonas de alta incidencia da Covid-19 tamén para o país veciño, ante os "estreitos lazos" que o unen con Galicia. 

Foi durante un encontro mantido este mércores en Santiago co embaixador de Portugal, João Mira Gomes, no que o titular da Xunta en funcións incidiu nos beneficios deste protocolo, cuxo obxectivo é facer de Galicia un destino seguro para os galegos e para todos os que a visitan, así como detectar con rapidez posibles casos de coronavirus. 

Con esta medida, apuntou, a comunidade pon a disposición dos visitantes o servizo sanitario galego e, ademais de proporcionar información e recomendacións sanitarias, con esta información poderanse adoptar as medidas de seguimento, recoñecemento e control que se consideren necesarias en cada caso. Entre elas, poderá promoverse a realización dunha proba diagnóstica independentemente de que se teña sintomatología ou non. 

O presidente da Xunta en funcións insistiu que se trata dun "servizo a favor e nunca en contra" dos visitantes, para que a xente poida vir a Galicia de forma segura e coa finalidade de ter localizadas ás persoas que proveñen dos territorios con maior risco epidemiolóxico para actuar con maior rapidez. 

MÁS DO 60% DOS CASOS IMPORTADOS. Por outra banda, o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, afirmou este mércores que "máis do 60 por cento" dos casos de Covid-19 que se están detectando en Galicia son "importados", o que é "unha porcentaxe moi importante" e motiva que a Xunta estea a "envorcarse" con obter información dos viaxeiros que chegan á comunidade. 

Nunha rolda de prensa tras a reunión do comité clínico, o conselleiro defendeu a medida de pedir aos viaxeiros que veñen de cinco comunidades autónomas e 136 países, incluído Portugal, que comuniquen a súa chegada a Galicia. 

Ten, dixo, unha intención "informativa" e de servizo "sanitario puro e duro" para poder entrar en contacto con estas persoas se se detectan casos positivos. O trámite pódese cumprir a través da web https://coronavirus.sergas.gal/viaxeiros ou no número de teléfono 881002001. 

TRÁNSITO CON PORTUGAL. O xerente do Servizo Galego de Saúde (Sergas), Antonio Fernández-Campa, aclarou que as persoas que fagan un tránsito habitual" entre Portugal e Galicia só terán que facer unha vez esa declaración e "deixar en branco" a data de retorno no formulario. 

SANCIÓNS. Fernández-Campa indicou que pode haber sancións para quen non cumpra co requisito de comunicar a súa chegada a Galicia, pero a contía dependerá da "gravidade de cada caso". Non concretou a canto poden ascender porque "hai moitas tipificacións". 

En calquera caso, indicou que "non é o mesmo" un "erro involuntario" sen consecuencias sanitarias que, por exemplo, viaxar sendo coñecedor de que se está infectado.

FUMAR EN ESPAZOS PÚBLICOS. O doutor Sergio Vázquez Estévez, presente tamén a través de videoconferencia na reunión do comité e na rolda de prensa, aclarou que só se debe fumar cando a persoa está a camiñar ou nunha terraza cando se poida manter unha distancia de dous metros. 

Expulsar o fume do tabaco, recordou, é un mecanismo de transmisión do virus. 

Comentarios