O PSdeG denunciará por transfuguismo o paso do seu alcalde en San Xoán de Río ao PP

 Insta a Feijóo a que diga se avala que o PP de Ourense "compre" con diñeiro público a alcaldes doutras formacións 
 

Baltar con Luis Castro Álvarez. EP
photo_camera Baltar con Luis Castro Álvarez. EP

O secretario de organización do PSdeG de Ourense, Juan Carlos Francisco Rivera, avanzou este martes en rolda de prensa que a formación denunciará na comisión antitransfuguismo o paso do PSOE ao PP do alcalde do concello ourensán de San Xoán de Río, Luis Castro Álvarez, para as eleccións municipais do 26 de maio. 

Así mesmo, informou que os socialistas remitirán "inmediatamente" iniciativas tanto ao Senado como ao Congreso dos Deputados en relación a esta cuestión, que tachou de indecencia "e deslealdade política" e "traizón" á vontade dos veciños de San Xoán de Río, que votaron "baixo o paraugas dunhas siglas políticas". 

"Esta compra de vontade constitúe un ataque e incumprimento grave do pacto antitransfuguismo asinado polos partidos políticos, entre eles, o PP e o PSOE. Recolle que este tipo de prácticas non só son rexeitables desde o punto de vista político, ético e moral, senón que os partidos se comprometen a combatelas", recordou Juan Carlos Francisco Rivera.

CESAMENTO COMO ALCALDE. Así as cousas, Francisco Rivera comunicou que o PSdeG esixe ao rexedor de San Xoán de Río que "entregue a acta de concelleiro" e "cesa como alcalde inmediatamente" ou, no caso de que non o faga, "abandone o grupo municipal socialista". "Remitiremos un escrito ao Concello e á secretaria municipal para que o expulse do grupo municipal socialista", apostilou. 

Á súa vez, o secretario de Organización do PSOE de Ourense sinalou que a formación solicita a Luis Castro Álvarez "que se vaia da vida pública", e pide ao Partido Popular nacional e galego "que rexeite a este señor" como candidato á Alcaldía de San Xoán de Río nas eleccións do 26 de maio. 

Con todo, asegurou que "este tipo de situacións" van beneficiar" ao PSdeG, que "vai presentar unha candidatura forte en San Xoán de Río". "Non dubidamos de que imos gañar a Alcaldía, o PSdeG vai ofertar unha candidatura limpa, de xente honesta; a manobra de Baltar e a súa finalidade última de conseguir a Alcaldía non a vai a lograr", destacou.

PETICIÓN AO PRESIDENTE DA XUNTA. Por outra banda, o secretario de organización do PSdeG de Ourense instou ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, a que se pronuncie sobre a "compra" de alcaldes "con diñeiro público" que, segundo denunciaron os socialistas, leva a cabo o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar. 

"Emprazamos a Feijóo a que reflexione e diga publicamente se avala que o PP de Ourense compre con diñeiro público a alcaldes doutras formacións políticas para que se pasen en pleno mandato ao PP. Se avala esta posición, está a desautorizar ao PP e o que ten asinado no pacto antitransfuguismo", sinalou. 

O PSdeG denunciou que, no que vai de mandato, Baltar "concedeulle só ao alcalde de Cortegada, Avelino de Francisco, un plus de fichaxe que suma 1,5 millóns de euros extraordinarios que non levaron outros municipios" pola "única razón de pasarse ao PP nos anteriores comicios", e recordaron que o rexedor "recoñeceu no ano 2014 que se ía ao PP polas axudas da Xunta de Galicia e da Deputación". 

Nesta mesma liña, os socialistas citan esta práctica de vergoñoso "mercadeo" noutros municipios como A Bola, Rairiz de Veiga, Os Blancos, A Mezquita ou Gomensende e advirten de que, "esta semana", tamén en Trives, onde a formación independente da que forma parte o rexedor rexeitou a proposta de forma "expresa".

Comentarios