"Quero ser presidenta para devolver a esperanza a unha Galiza á que o PP lle triturou o seu futuro"

A líder do Bloque ve o PP e a Rueda inmersos nunha "precampaña desesperada" para frear o seu "fin de ciclo", pero está convencida de que "o cambio é imparable". "É momento de apostar por algo novo"
Ana Belén Pontón Mondelo (Sarria, 1977). PEPE FERRÍN
photo_camera Ana Belén Pontón Mondelo (Sarria, 1977). PEPE FERRÍN

Ben, antes de nada aclarar que aquí as preguntas vounas facer eu, que isto non é Código Ana. Que tal lle vai como entrevistadora?
É unha experiencia que me está gustando, aínda que a fago con moito respecto porque o xornalismo é algo serio. Tento ter un espazo para poder dialogar con xente e que sexa unha fiestra a debates que non se dan nos mass media. E o feedback está sendo bo.

Tamén acaba de publicarse a súa primeira biografía. Que Ana Pontón descubrirá a xente nela?
Animo a que a xente a lea, porque o peor que podes facer dun libro é un spoiler! Para min é unha honra que un premio nacional da nosa literatura como Suso de Toro tivera a idea de aproximar quen é Ana Pontón. Pero o libro non é estritamente unha biografía senón que fai unha reflexión política dos últimos anos máis interesante que a miña vida, que ao fin e ao cabo é a dunha galega máis que naceu na aldea, tivo ocasión de ir á universidade e, por circunstancias, hoxe é portavoz nacional do BNG.

Esta carreira mediática que leva fai pensar en eleccións. Cando votaremos os galegos?
Iso non mo ten que preguntar a min senón a Alfonso Rueda, que é quen pode convocar.

O PPdeG está nunha campaña desesperada na que promete que fará o que non fixo en 14 anos e usando recursos da Xunta

Pero que sensacións ten?
O PPdeG está claramente en precampaña, en certo modo desesperada, porque está prometendo facer o que non fixo en 14 anos, e usando ademais recursos da Xunta. Lamentablemente Galiza hai meses que non ten un presidente senón un candidato do PP, que demostra ademais que irá a unha campaña sucia. Os galegos merecen unha campaña de ideas e propostas, e aí estamos nós. Quero ser presidenta para devolver a esperanza a este país, que o precisa tras 14 anos de Goberno do PP que triturou o futuro dos galegos.

Vese moi convencida de que será presidenta da Xunta. Por que?
Estou convencida de que quero ser presidenta para que o noso país estea entre as nacións máis avanzadas do mundo, e para iso temos que darlle a volta a 14 anos de declive do PPdeG, que deixa Galiza peor do que a atopou: menos emprego, menos industria, menos sanidade, menos educación, menos mozos... Precisamos un Goberno con ambición e eu quero presidir a mellor Xunta da historia de Galiza. Merecemos unha presidenta que confíe neste país e sobre todo, e isto é moi importante, coas mans libres e que non dependa de intereses madrileños, como ocorre con PP e PSOE. Vémolo no ámbito enerxético, onde nós cremos que Galiza debe usar a súa riqueza eléctrica para beneficar as familias e empresas, non aos grandes lobis. Iso é o que significa ter unha presidenta coas mans libres.

Ao final quen avalía os candidatos é a xente e a maioría dos que queren cambio saben que a única alternativa é o BNG

Fala de fin de ciclo do PPdeG, pero vén de subir nas municipais e as estatais e logo sempre amosa un plus de resistencia electoral.
Cada elección é diferente, pero se analizamos as municipais e xerais vemos que o PP ten menos votos que a alternativa. E as eleccións galegas teñen unha clave moi distinta, onde o BNG é alternativa real ao PP porque os galegos nos situaron liderando a oposición en 2020, pero tamén porque temos un proxecto para darlle a Galiza o lugar que lle corresponde no mundo e confiar no noso enorme talento e capacidade. Temos proxecto, equipo e ambición.

Rueda é unha incógnita nas urnas. É moi diferente a Feijóo?
O fin de ciclo do PPdeG ía ser con un ou con outro. Estamos ante un Goberno que non atende as emerxencias desta crise nin os grandes retos do país, porque actúa como unha delegación do gabinete electoral do PP, usando a Xunta para facer precampaña. Iso é unha mostra de debilidade, porque son conscientes de que están nun momento no que neste país hai ganas de cambio. Nos últimos vinte anos houbo presidentes que non foron quen de encarar os grandes retos de Galiza, por iso cremos que é o momento de apostar por algo distinto. O BNG vai con humildade, pero tamén con ambición, a pedir a confianza dos galegos.

O PP cre que pode frear o seu declive con cheques, pero non lle vai funcionar porque o cambio en Galiza é imparable

A Xunta acaba de presentar orzamentos que conteñen novidades como cheques de 5.000 euros para dependentes, buses e viaxes gratis para maiores ou rebaixas de impostos. Gústanlle esas medidas?
O que me parece é que estes orzamentos non solucionan os problemas do país: listas de espera en Primaria, falta de médicos, crise industrial, despoboamento do rural, emigración dos mozos... É un orzamento rutineiro, salpicado de medidas de corte preelectoral: cren que poden cambiar o declive do PPdeG con cheques, pero non vai funcionar porque en Galiza o cambio é imparable.

Hai dúas prioridades: axudarlle á xente nesta crise de prezos e poñer Galiza a producir cun novo modelo económico

E que alternativa propón o BNG? Cales serían os eixos dos seus primeiros orzamentos na Xunta?
Dous. O primeiro e máis urxente, atender esta crise de prezos cun plan extraordinario que mobilice recursos para quen máis os precise, como recuperar a Tarxeta Básica, facer compatible a Risga co IMV ou crear un fondo de rescate hipotecario que pague a banca. E en segundo lugar, cremos que hai que pór en marcha unha grande transformación que poña a Galiza a producir, cun novo modelo económico baseado na ciencia e na sustentabilidade e que permita xerar máis industria. Por certo, BNG vén de denunciar unha campaña do PPdeG contra vostede, con ataques incluso persoais. Está molesta? O que me parece é que a política en Galiza ten que ser outra cousa. Estamos vendo o estilo Rueda: ataques, descualificacións persoais, fake news... Os galegos merecen que a política dea respostas aos seus problemas, pero eu temo que se vaia a unha campaña sucia que desacredite a política máis do que xa o está. Desde o BNG faremos unha campaña de ideas en positivo, porque a min encántame Galiza, este é un gran país e os galegos non merecen crispación. Vexo o PPdeG un pouco obsesionado conmigo e co BNG, e entendo esa obsesión porque nós somos a alternativa real.

O BNG acaba de activar o proceso para elixir candidato/a, que parece un formalismo. É este o Bloque máis unido da historia?
A democracia nunca é un formalismo. Somos unha organización que ten normas de funcionamento e elixe os seus candidatos nun proceso onde se reúnes un número de avais preséntaste e a militancia decide. O que leva facendo o BNG nos últimos anos é fortalecer a organización para darlle un futuro a este país desde a unidade. O BNG ten unha historia importante, soubo adaptarse aos tempos e representa a modernidade de Galiza. Colectivamente, soubemos ler o tempo político no que estamos e ofrecerlle aos galegos unha organización sólida na que confiar. Este país necesita teder novas confianzas e nós representamos ese proxecto de unidade dos galegos para poder erguer este país grande que queremos e soñamos todos.

Haberá novidades nas listas ou serán continuístas?
Non estamos aínda no debate das listas. Eu o que estou é moi contenta cos equipos de traballo.

O PSdeG tamén acaba de escoller a Besteiro. Que lle parece para mobilizar voto na esquerda?

Son respectuosa coas decisións doutras forzas políticas. Nada que opinar, porque ao final é a cidadanía a que avalía os candidatos.

A incógnita por agora é Sumar. Cre que estará nas papeletas?
É unha decisión que tampouco me corresponde a min tomar.

Pode o efecto de Yolanda Díaz restarlle votos á esquerda en xeral e ao BNG en particular?
Sempre digo que os votos non son das organizacións políticas, son da xente, que decide en cada momento por quen votar. E a maioría que quere cambio sabe que a alternativa real para el é o BNG.

Houbo conversas con algún outro espazo nacionalista como Anova ou CxG de cara as autonómicas?
Nós temos unha folla de ruta moi clara, cunha organización sólida capaz de sumar a todas as persoas que leven Galiza na cabeza e no corazón. No espazo do BNG teñen cabida todos eles.

Chegará tocado o BNG ás urnas polo resultado das xerais?
Creo que non, porque aínda que non cumprimos expectativas co resultado, fomos a única forza alternativa ao PP que subiu e mellorou a súa posición. E cada proceso electoral ten dinámicas distintas. O BNG segue forte e á alza.

Teme que nas autonómicas se repita esa campaña polarizada PP-PSOE escenificada na loita Xunta-Goberno que penalice o BNG?
O que vin nas xerais foi unha Xunta absolutamente subordinada e convertida nunha delegación de Génova: en lugar de ter un Goberno que traballa para os galegos, faino para os intereses do PP en Madrid. E iso van censuralo as urnas, porque merecemos unha Xunta a tempo completo, non unha que ocupe as institucións para facer política partidista.

Ana Pontón. PEPE FERRÍN
Ana Pontón. PEPE FERRÍN

Investidura: "O debate máis relevante non é amnistía si ou non, senón Galiza si ou non"

Haberá investidura de Sánchez?
Estamos no tempo para desvelalo, pero dependerá de como avancen as negociacións. No que dependa do BNG teremos a man tendida para o diálogo, pero sempre poñendo por diante os intereses de Galiza. Se Sánchez quere o voto do BNG, a nosa liña vermella é: con Galiza, todo; sen Galiza, nada.

O Movemento Arredista, integrado no BNG, é contrario apoialo.
A decisión vaina tomar o BNG unha vez coñezamos o proceso de negociación, que agardamos que chegue a bo porto porque iso significaría que Galiza estaría representada na axenda do Estado. Hai demasiadas cousas que dependen de Madrid e temos que lograr que o noso país non quede discriminado. Para iso serve o BNG!

Investidura con amnistía ou non?
Veremos en que queda ese debate. En todo caso, a pregunta relevante non é esa senón: investidura con Galiza ou sen Galiza? Queremos con Galiza e a única forma de garantilo é co BNG, porque o resto de forzas xa entregaron os seus votos aos seus partidos estatais. Aquí é onde se demostra a verdadeira utilidade do nacionalismo, porque somos os únicos que negociamos para que Galiza teña peso.

No debate territorial que se abre o Bloque non vai permitir que Galiza quede por detrás do status de Euskadi e de Cataluña

Abrirá esta investidura unha nova etapa política no referido á plurinacionalidade en España?
Creo que o debate da plurinacionalidade está aí e hai que darlle natureza de normalidade, porque é democrático, e vemos que hai unha demanda real. É unha oportunidade para que Galiza avance e teña máis capacidade de decisión sobre os asuntos que lle afectan, construíndo un país con máis ferramentas para mellorar a vida da xente. Ese debate ten que abrirse desde a serenidade, non desde a crispación. E en todo caso, no Bloque non imos permitir que Galiza quede por detrás do status que logren Euskadi ou Cataluña.

E cal debe ser entón o papel de Galiza nese novo escenario?
Ter iniciativa. Estamos desaparecidos nos grandes debates do país. Esta é unha cuestión que temos que dar primeiro aquí e por iso levamos tempo insistinto en abrir unha ponencia no Parlamento, porque a maioría das autonomías reformaron os seus estatutos e melloraron a súa capacidade de decisión, pero nós levamos 14 anos co autogoberno en retroceso, tanto pola falta de transferencias como pola nosa desaparición dos grandes temas. Galiza ten que xogar nesa liga das nacións e dar debates importantes como o financiamento, porque temos un sistema que nos discrimina e que leva caducado desde 2014 e a Xunta foi incapaz de presentar un só papel dicíndonos que é o que vai reclamar. O BNG si o fará e loitará porque a chave dos cartos de Galiza deixe de estar en Madrid

Comentarios