Reaccións | A oposición critica un discurso que ve "esgotado" e "electoralista"

giphy
Caballero: "Evidencia o proxecto esgotado do PP"
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, considera que o discurso de Fin de Ano do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, correspóndese cunha "despedida" porque "evidencia o proxecto esgotado do PP para Galicia". 

"Nin ideas, nin solucións, nin compromiso para abordar os graves retos da Galicia do futuro", enumera o líder dos socialistas galegos, en declaracións aos medios. 

Ademais, o secretario xeral do PSdeG considera que, coas súas palabras, Feijóo pon a Xunta "ao servizo da estratexia de confrontación" do PP de Pablo Casado cun discurso "cheo de insidias que non son propias de quen ten que representar a todos os galegos". 

O presidente do Goberno autonómico, a xuízo de Caballero, tampouco aborda "os graves retos da Galicia do futuro" e "evita rectificar as súas políticas". 

 

Chao: "Segue máis preocupado polo que pasa no Estado que por Galicia"
A viceportavoz do Grupo Común da Esquerda Luca Chao critica que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, segundo se desprende do seu discurso de Fin de Ano, "segue máis preocupado polo que pasa no Estado que por gobernar Galicia". 

"Vimos de escoitar o que ten que ser o último discurso de Feijóo como presidente da Xunta. Nel, non hai nin unha soa idea nova para Galicia. Ao contrario, destina boa parte do tempo a falar de temas que nada teñen que ver cos nosos problemas", lamenta. 

Para Chao, o titular do Executivo autonómico "leva demasiado tempo ocupado e preocupado polo Goberno do Estado no canto de centrarse na súa responsabilidade" de gobernar Galicia. 

Ademais, a viceportavoz de Común da Esquerda di que "parece unha tomadura de pelo que decidise dar o seu discurso precisamente desde Ourense", unha provincia "esquecida e maltratada" polas políticas do PP. A modo de exemplo, nomea a recente decisión de pechar o paritorio do Hospital de Verín. 

 

Villares: "Non aprendeu nada do que Galicia quixo ensinarlle"
O portavoz de En Marea, Luís Villares, vaticina un "rotundo suspenso" en 2020 para o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, debido ao seu discurso de Fin de Ano: "Non aprendeu nada do que Galicia quixo ensinarlle nestes catro anos". 

A través dun comunicado para reaccionar ás palabras do presidente autonómico, Villares asegura que "xa están afeitos" de que se apropie do público para darlle a volta á realidade do desmantelamento dos servizos". 

"En Galicia cada vez hai menos nenos e a Xunta se despreocupa polo futuro dos máis novos, con taxas crecentes de desemprego e novas ondas de emigración por falta de expectativas", lamenta. Fronte a esta situación, acusa o Goberno de Feijóo de pechar "servizos de pediatría e paritorios no rural" como o do Hospital de Verín.

 

Pontón: "Un discurso electoralista"
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, considera "electoralista" o discurso de Fin de Ano do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e critica que cite á Xeración Nós e a Eduardo Blanco Amor, dos que "se quere apropiar".

Tras as palabras do titular do Goberno autonómico desde Ourense neste 31 de decembro, a líder nacionalista cre que tratou "de esconder os problemas reais" de Galicia cun discurso "sen proxecto, sen ilusión e sen ambición de país". 

Para Pontón, Feijóo "nin escoita, nin rectifica" e renuncia "á defensa do autogoberno", tal e como "demostra o seu balance de cero competencias (transferidas) en dez anos". 

Ademais, a portavoz nacional do Bloque lamenta que Feijóo "atacase o propio idioma" durante o seu mandato ao "limitalo" no ámbito educativo, "todo o contrario" ao que representa a Xeración Nós ou Blanco Amor, "dos que sarcásticamente se quere propiar". 

 

Tellado destaca o ton "moderado" e "integrador"
O secretario xeral do PP de Galicia, Miguel Tellado, destaca o "ton de moderación, responsabilidade, unidade e estabilidade" do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, no seu discurso de Fin de Ano. 

Neste sentido, o número dous dos populares galegos fai fincapé no modelo de "convivencia" e "integrador" do líder do Executivo autonómico "fronte a gobernos rupturistas e excluíntes".

Deste xeito, o PPdeG apoia "a política con maiúsculas" que fai Feijóo á fronte de Galicia por mirar "polo ben común" e "pór o benestar dos galegos e o avance do país por encima de todo". 

Comentarios