lunes. 26.10.2020 |
El tiempo
lunes. 26.10.2020
El tiempo

Salvamento deixa a busca activa dos mozos que caeron dun kaiak en Porto do Son

Amigos e familiares de Miguel e Xabier erixiron un altar en memoria dos mozos. CRTVG
Amigos e familiares de Miguel e Xabier erixiron un altar en memoria dos mozos. CRTVG
Noia despide a Miguel e Xabier cun minuto de silencio

Familiares, amigos e veciños de Xabier Hurtado e Miguel Quan despedíronse este sábado con solemnidade e emoción dos mozos cunha homenaxe en Noia, onde residían ambos os amigos, que desapareceron o luns cando navegaban en kaiak pola costa de Porto do Son xunto a outra moza que logrou poñerse a salvo.

Perdida a esperanza de atopalos con vida, o dispositivo de Salvamento Marítimo abandonou desde este sábado a procura activa, aínda que manterá a súa "actividade rutineira" na área onde tivo lugar o suceso, así como os avisos ás embarcacións que pasen pola zona. 

Ás portas da casa consistorial noiesa, os seres queridos de Xabier e Miguel erixiron un improvisado altar na súa memoria, ornado con velas e ramos de flores, e gardaron un intenso minuto de silencio que, finalmente, quedou roto polos aplausos da multitude que se concentrou no lugar. As mostras de emoción e dor polo recordo dos mozos sucedéronse entre os participantes, mentres que os familiares agradeceron o apoio e o agarimo recibidos ante a traxedia. 

Seguiranse emitindo "avisos" ás embarcacións que pasen pola zona onde envorcou o kaiak

Este sábado cumpriuse a quinta xornada sen saber do paradoiro dos dous mozos, de 17 e 18 anos. Logo da "extensa" pero infrutuosa procura realizada durante a semana, na que se empregaron medios marítimos e aéreos, ademais de terrestres e subacuáticos, o operativo suspendeu o rastrexo por mar e reduciu o seu traballo a terra firme. 

Salvamento Marítimo informou de que, a partir deste momento, o dispositivo cesa a procura activa para entrar nunha segunda fase na que se seguirán emitindo "avisos" ás embarcacións que pasen pola zona onde os amigos envorcaron co kaiak para "pedirlles que extremen a vixilancia e comunicarlles a quen se busca".

De igual xeito, as patrullas marítimas seguirán cunha vixilancia cotiá na que se dará preferencia á costa entre as praias de Sieira e Cabeiro, onde se produciu a desaparición. O obxectivo, segundo explicaron fontes do ente público, é que "á mínima novidade, se volvase á procura activa pero cunha información concreta". 

En canto aos efectivos de Protección Civil, este servizo tiña previsto continuar a procura cunha lancha, pero tivo que desistir deste propósito debido a que o vento do norte non lles permitía achegarse á costa. 

Así as cousas, non hai novidades desde ese mesmo luns, cando, tras recibir un aviso sobre as 21.30 horas, Salvamento localizou o kaiak envorcado, un chaleco salvavidas —pezas que ningún dos ocupantes puxo— e á amiga que compartía canoa con Xabier e Miguel, que puido alcanzar terra.

Salvamento deixa a busca activa dos mozos que caeron dun kaiak en...
Comentarios