Sanidade dá "por cerrada" a negociación coa firma do contrato de continuidade

Los médicos llevan su protesta al Parlamento. LAVANDEIRA JR

Estableceuse un nomeamento estatutario eventual de continuidade no ámbito do Servizo Galego de Saúde

A Consellería de Sanidade e as organizacións sindicais CESM-OMEGA, SATSE, CSIF e UXT asinaron este martes un acordo na Mesa sectorial sobre o establecemento dun nomeamento estatutario eventual de continuidade no ámbito do Servizo Galego de Saúde, co que desde o departamento autonómico deron "por pechada a negociación". Neste sentido, sinalan que é a este acordo ao que se poderán adherir o resto dos representantes dos traballadores xa que a firma queda aberta.

O acordo, sinalan nun comunicado, recolle as melloras consensuadas nas condicións laborais en materia de xornadas e descansos; a delimitación, dentro do distrito, do ámbito de nomeamentos que se fixará previamente na comisión de seguimento do acordo; e o carácter voluntario da aceptación do contrato polos aspirantes. Este tipo de contrato é unha nova modalidade contractual para vínculos temporais do persoal médico de familia e pediatras de atención primaria do Sergas, que prevé contratos cun mínimo dun ano de duración e tres anos de máximo.

A implantación inmediata desta medida, consideran, mellorará as condicións laborais dos médicos especialistas actualmente dispoñibles e tamén as dos médicos internos residentes que previsen finalizar no próximo mes de maio. O contrato de continuidade permitirá a dispoñibilidade de persoal para a cobertura das necesidades asistenciais que se produzan.

Así, á finalización dos nomeamentos, se a prestación dos servizos se estendera por un período acumulado de 12 ou máis meses nun período de dous anos, poderase valorar a creación de prazas estruturais. Tamén se contempla que o réxime de prestación dos servizos será de dous ou máis centros dentro do mesmo distrito sanitario.

Segundo a Xunta, o persoal vinculado con estes nomeamentos gozará dos mesmos dereitos e deberes que o restante persoal do centro ou centros aos que estea vinculado, en particular do mesmo réxime de descansos, permisos e vacacións. Con esta medida, a Consellería que dirixe Jesús Vázquez Almuiña, pretende cubrir, "de maneira óptima e eficiente, as necesidades asistenciais conxunturais" do servizo, "garantindo a estabilidade laboral do persoal afectado e reducindo o número de chamamentos sucesivos".

Este nomeamento aínda que está destinado a médicos de familia e pediatras de atención primaria, podería estenderse nun futuro a outras categorías profesionais.