Santiago Lago: "Galicia perde coa proposta do financiamento. A capacidade fiscal pesa máis e o espallamento, menos"
Na semana na que quedou de manifesto que o Goberno de Pedro Sánchez e o de Salvador Illa quedaron sós na defensa do modelo de financiamento autonómico pactado con ERC, o catedrático de Economía Aplicada da USC Santiago Lago (Vigo, 1971) avisou que os 587 millóns adicionais que recibiría Galicia "non nos valen". Para que a comunidade non saíse malparada, requiriría "entre 900 e 1.000 millóns" dos 20.975 millóns que o Ministerio de Hacienda propón repartir. Cunha contrastada experiencia en materia de fiscalidade, o director do Foro Económico de Galicia expón as claves da proposta que explican que Galicia saia perdendo.
Como parte do comité de expertos creado no 2017 para a revisión do modelo de financiamento autonómico e tamén da comisión que no 2021 traballou nas recomendacións para a reforma fiscal, como avalía a proposta do ministerio para o conxunto das autonomías?
A reforma contén elementos positivos e avances. Resposta atinadamente a algunhas das cuestións apuntadas. Pero introduce novidades discutibles, como o fondo para o cambio climático ou o tratamento do Ive ingresado polas pequenas e medianas empresas. Tamén aplica cambios pouco razoables na variables que aproximan o custo dos servizos, e sobre todo, ten un impacto na distribución territorial dos fondos no que só o Goberno central e Cataluña tiveron voz e voto. Considero xusto e razoable que a Comunidade Valenciana, Murcia e Castela-A Mancha sexan especialmente ben tratadas porque hoxe reciben un trato inxusto. Pero, en xeral, o debate sobre as pautas distributivas é un asunto central no que hai que escoitar previamente a todas as partes.
Os técnicos do sindicato Gestha sosteñen que os seis territorios que agora están mellor financiados seguirían na mesma posición co novo modelo. Entre eles sitúan Galicia, que recibiría 10.706,8 millóns do sistema no 2027. A Xunta, que pon o foco no financiamento por habitante axustado, advirte que quedariamos na cola con eses 587 millóns adicionais. E vostede mesmo sinala que pasariamos de “estar mal a tirando a moi mal”. Que parámetros fan que saiamos perdendo?Saímos perdendo en termos comparativos. En termos absolutos, todas as comunidades saen gañando. E facémolo por diversos motivos. Saliento tres. Dun lado, porque o modelo prima máis que antes a capacidade fiscal. E nós estamos só no 90% da media. Por iso tamén, un sistema de cupo sería especialmente malo para Galicia. Porque o espallamento poboacional pasa a pesar menos que antes como factor de custo e por outros cambios que se fan na fórmula de necesidades de gasto. E porque o novo fondo de loita contra o cambio climático beneficia moito máis a outros.
Que implica a ordinalidade que Cataluña logrou introducir na proposta? É compatible con manter o principio de solidariedade?
En esencia, que os territorios máis ricos deben contar con máis recursos por habitante axustado que os máis pobres. Por suposto, Cataluña segue aportando á nivelación, pero menos que antes.
A ministra invitou ás comunidades que non estean dacordo coa proposta que o Goberno negociou con ERC a seguir no modelo vixente, aínda que con menos recursos para repartir ó reducirse a achega de Cataluña. Sería lícito que convivisen dous modelos?
Non sería unha novidade. Xa pasou no quinquenio 1997-2001 con Andalucía, Castela-A Mancha e Estremadura. Non aceptaron o sistema e quedaron ancorados no anterior, ata que se aprobou o seguinte, a finais de 2001. En todo caso, debe quedar claro que antes de que poida pasar isto, a proposta ten que ser validada por 176 deputados e deputadas no Congreso. Falamos dunha lei orgánica.
No tocante á cesta de tributos, pasou de estar a debate outorgar o 100% da recadación do IRPF a Cataluña a proporse un lixeiro aumento da ratio de cesión do 50% no que toca a este imposto e ó Ive. Ademais, o ministerio di que se van incluír nos recursos do sistema os ingresos de Patrimonio, do tributo do xogo, do dos depósitos bancarios, e do que se aplica á incineración de residuos, aínda que a Xunta sostén que as comunidades xa contan con estes fondos. Como avalía este incremento da capacidade tributaria autonómica?
O avance é menor. A proposta non incorpora a idea do Ive colexiado, que estaba no Libro Branco [a síntese de recomendacións que o comité de expertos elaborou no 2017 para as reformas fiscais e do financiamento] e que sería extensible ós impostos especiais sobre hidrocarburos, tabaco ou alcol. A idea é que as autonomías deberan poder ter a capacidade de aprobar colectivamente subas ou baixas impositivas na parte autonómica dos impostos. Hoxe quedan cunha parte da recadación, pero só decide o Goberno central.
A reforma debera ir parella á activación de medidas para combater o dumping fiscal entre territorios?
Isto é máis sinxelo do que ás veces parece. En esencia, hai impostos que son malos candidatos a seren descentralizados, porque xeran distorsións de diversos tipos. Na lista está o de sociedades e os impostos persoais sobre a riqueza, o de patrimonio e o de herdanzas e doazóns. Mellor non descentralizalos. Pero se se fai, hai que establecer un chan de tributación, como fixemos no 1997 e que se eliminou no 2001. En todo caso, temos pendente unha discusión e reforma deses impostos. A tributación sobre a riqueza en España é das máis altas e obsoletas no mundo.
A vivenda é o principal problema social. No último ano, o algueiro medio subiu en Galicia un 7,5%, case o triplo que o IPC. O Goberno central apostou polo intervencionismo coa Lei de Vivenda. A Xunta, por construír pisos públicos e por incentivar ós propietarios para que aluguen os seus inmobles. Con todo, que falla para que a contención dos prezos non dea chegado?
Non é un asunto doado. O problema ten características dispares en cada sitio. Non é igual en Madrid, que en Zamora, ou Sarria. Sen ser un especialista neste campo, infiro que hai que combinar distintas medidas, actuando na demanda e na oferta. En xeral, hai que poñer o acento en aumentar a oferta de alugueiro para residentes, hai que conectar mellor as vilas coas cidades para animar o traslado dunha parte de poboación máis lonxe dos núcleos centrais das áreas urbanas, hai que minimizar o número de vivendas baleiras todo o ano... Falo de plans adaptados a cada territorio e multidimensionais.
No económico, a Xunta estima que o PIB crecerá este ano un 1,9% tras elevar a súa previsión para o 2025 ata o 2,5%. As tensións xeopolíticas poden supor unha convulsión?
Ambas cifras son acadables e xa están incoporando os efectos negativos desas tensións. En todo caso, é certo que vivimos nun mundo no que cada día aparecen máis cisnes negros: a pandemia, a invasión de Ucrania, Groenlandia... Podemos dar poucas cousas por seguras. Certo é tamén que empresas e fogares aprenderon a vivir con graos de incerteza moito máis elevados que hai unha década. Aínda que haxa nubarróns, invisten e consumen, non quedan parados.