Besteiro: "Non lle gardo rancor a ninguén, nin á xuíza nin a Candia"

José Ramón Gómez Besteiro, agora delegado do Goberno, racha o seu silencio despois de sete anos nos que asegura que "nin moveu os fíos" do PSdeG na sombra nin viviu "con ansiedade" o momento de volver á política. Está "contento" na Delegación, non se molla con ser candidato á Xunta e deixa algún recado para quen queira oílo.
Generated by  IJG JPEG Library
AppleMark
photo_camera José Ramón Gómez Besteiro (Lugo, 1967). XESÚS PONTE

Que tal o regreso á vida pública? Sete anos parado oxidan a un?

É certo que ao mellor estou nesa fase de ter ‘agujetas’, pero estou moi contento. Máis alá de que sete anos se notan, como lle ocorre a todo o mundo, eu atópome forte de espírito e moi animado. 

En todo caso, de vostede díxose que seguiu facendo política e movendo fíos do PSdeG na sombra todo este tempo. É certo?

Iso é moito dicir! Que me gusta a política nunca o neguei e polo tanto disfruto falando dela. E o que ocorre no meu partido, na miña cidade e no meu país sempre me preocupou. Supoño que quen goza coa política nunca deixa de estar nela, así que imaxino que ata que morra me seguirá gustando. Nestes anos compartín reflexións con moitos compañeiros de Lugo e de fóra, pero apartado dos focos.  

Entón iso de mover os fíos...?
Eu diría que mover fíos non. 

Que foi o que peor levou nestes sete anos?

Pois seguindo con esas comparacións que me facían co tema de Messi, que eu enmarquei nunha exaltación da alegría, eu fun apartado e condenado a estar sete anos no banco cando estaba en condicións de xogar e, ademais, quería xogar. O peor foi iso, ter que estar no banco cando a un o que lle gusta é xogar. Pero logo, na parte anímica, a confianza cega que tiña na miña inocencia dábame moita fortaleza e, nese sentido, vivino con total tranquilidade e normalidade. Non notei ningún rexeitamento dos veciños nin da rúa, que podería ter pasado. Sempre atopei o apoio da xente. 

Seguindo con iso de Messi, o peor destes anos foi que me apartaron ao banco cando podía xogar e quería xogar

Precisamente, en quen se apoiou máis para saír adiante?

Na miña familia, que foi a que me serviu de apoio, e nos meus amigos. Eu xa morrín e xa vin quen me veu ao enterro e quen me chorou, así que teño moito andado! [ri] Pero insisto en que fixen vida normal entre Lugo e A Coruña e na miña cidade nunca vin rexeitamento cara a min; sentinme comprendido e iso dá unha enorme fortaleza. Nunca deixei de saír á rúa nin de facer vida normal.

Sempre se di que nos malos momentos é onde un coñece as persoas. Botou en falta a alguén ou houbo quen o decepcionara?

Si, pero teño tendencia a non pensar moito nesas cousas, a non darlles relevancia, porque adoitan conducir a situacións de odio e o odio envilece a un. Sempre tentei afastarme diso. Neste proceso vin xente que se comportou dun xeito e doutro, por iso dicía antes que xa sei quen veu ao meu enterro. 

Gárdalle rancor á xuíza De Lara?

En absoluto! Non gardo rancor nese sentido porque a min non me favorece, así que o boto fóra. Despois de todo, nisto houbo alguén sancionado e foi a propia xuíza, aínda que politicamente si houbo outros danos colaterais para persoas que participaron nesta situación. Pero penso que hoxe en día a xente ten claro o que pasou. Noutros lugares de España igual foi algo máis lonxano, pero en Galicia todo o mundo sabe o que ocorreu e o que había detrás. 

E a Elena Candia polos anónimos? 

Aquí había que lembrar a frase famosa de Casablanca: "¿Me desprecias, Rick? Si llegara a pensar en ti, probablemente sí". Non é o caso, pero quen xoga con anónimos equivócase sempre, porque non é a forma de proceder axeitada, e menos nun sistema democrático onde podes preguntar, pedir unha comisión, investigar e, se non quedas satisfeito, acudir aos tribunais. Ademais, xa non é tanto por tratalo en clave persoal polo dano que me fixo a min, senón o dano á cidade, a centos de empresas investigadas algunhas das cales poderían vir a Lugo, pero ante aquela situación non o fixeron. E tamén todo o gasto público que xerou este proceso. Insisto: o dano a Lugo foi irreparable. 

No anímico leveino ben porque sempre atopei o apoio da rúa; non lle gardo rancor a ninguén, nin á xuíza nin a Candia

Por certo, tivo algún contacto con Candia desde o seu regreso?

Non, non tiven. 

Pero si recibiu felicitacións desde o PPdeG no seu regreso, non?

Si, houbo xente do PP que me felicitou. 

Cre que alomenos se aprendeu algo desta lección xudicial?

Eu espero que si. Creo que todo o mundo ten un punto de inflexión e reflexión sobre estas cuestións e agardo que o que ocorreu aqueles anos non se repita. 

Cando empezou a ver a luz Besteiro nesta travesía?

Dicíao antes: cando tes a convición de que non hai reproche penal que che podan facer, sabes que ver a luz é cuestión de tempo. É certo que eu esperaba que fose antes e mentiría se digo que non agardaba unha resolución máis áxil, pero nunca perdín a perspectiva da luz ao final do túnel; só que pensei que o túnel ía ser máis curto e non de sete anos. E tamén tiña claro que non ía facer ningún comentario ata que rematase todo o proceso, porque tiña a confianza cega de que ía rematar ben, e que o que non sucede non pode ser demostrado. Así que esa luz, aínda que ás veces aparecía lonxe, nunca deixei de vela. 

E cando contemplou realmente a opción de volver á política?

A política acompañoume desde cativo, con momentos de representación pública e outros non, así que sempre o vivín con normalidade; nestes anos nunca percibín ese momento con ansiedade. 

Logo destes sete anos véxome capacitado para traballar e sumar no PSdeG, pero son delegado do Goberno, só levo un mes

Como lle comunica Pedro Sánchez que o quería como delegado do Goberno en Galicia?

Eu xa tiña contactos anteriores co presidente do Goberno, pero todos no partido sabían que eu non quería falar de nada ata que todo quedase resolto. Así que foi logo de producirse o último arquivo do caso, en febreiro ou marzo. 

Pero non é un segredo que vostede viaxou a Ferraz en varias ocasións nos últimos tempos. Estaba preparando ese regreso?

Teño ido a Ferraz nestes anos por relación política, para visitar amigos, para botar unha man... Nun momento, o presidente Sánchez diríxese a min porque quere que sexa delegado do Goberno en Galicia e eu síntome moi honrado e moi orgulloso. E agardo facer un bo traballo.  

Ten mudado algo a política nestes sete anos que estivo fóra?

En cousas si, porque hai un marco que establece a pandemia, que cambiou o mundo. Hai que facer unha reflexión sobre como se comportaron uns e outros na crise financeira de 2008 e na pandemia. Na primeira optouse pola austeridade, os sacrificios e as penurias, pero desta última saímos con plans de recuperación, con investimento, igual que fixo Obama. Así que cambiou a política? Si, porque o público pasa a ter un papel protagonista e a ser máis valorado polos cidadáns. Aí arranca unha forma diferente de entender a política para non deixar atrás a ninguén, e iso encaixa coas accións progresistas e socialistas, encaixa co PSOE.  

Vostede deixou a política antes da pandemia, viaxou nun túnel do tempo e atopouse con este novo escenario que describe. Cre que pasou a súa época ou aínda se ve quen de achegar cousas importantes á política e ao PSdeG?

Penso que si que podo achegar aínda moito. Hoxe temos unha percepción da vida política moito máis ampla, só hai que mirar aos Estados Unidos con Biden e Trump. A nivel persoal síntome unha persoa chea de capacidade para traballar e sumar. 

Como candidato á Xunta en 2024, por exemplo?

Entendo que se faga esa pregunta a nivel xornalístico, pero ese é un proceso que ten que abrir o secretario xeral do PSdeG e eu son moi respectuoso coas súas decisións, quizais porque fun secretario xeral e sei a responsabilidade que supón. No PSdeG eliximos por primarias e cando se abra o proceso pouco importarán xa os candidatos, importarán os militantes. Eu hoxe son delegado do Goberno: estou no que me gusta, para o que fun elixido e apenas levo un mes, así que agardo facelo ben. 

Esta semana na reunión con Rueda din que lle sentaba ben a vostede o atril da presidencia da Xunta. 

Agradezo ben ese comentario! [ri] 

Díxenlle a Rueda que non quero perder nin un minuto nin un euro en polémicas estériles; isto vai de sumar entre todos

Por certo, pouco consenso houbo nese encontro con Rueda.

Eu fun fiel ao que dixen o 3 de abril na miña toma de posesión: que tería diálogo fluído, pero esixente, con todos. Con Rueda houbo esa relación fluída, pero houbo cuestións na que estivemos dacordo e noutras non, entre elas os fondos do Goberno. Eu o que lle trasladei é que levamos 2.800 millóns destinados a Galicia e o 50% deles están cedidos á Xunta, así que como é lóxico esiximos unha rendición de contas. Así que pedín información de canto vai achegar a Xunta sobre todo para aqueles grandes proxectos industriais prioritarios, que en Lugo temos algún. Hai comundiades como o País Vasco que achegan fondos propios, e tamén hai apoios de concellos para instalar esas industrias, así que sería bo saber que fai a Xunta. Rueda díxome que iso xa o sabían as empresas, pero non me parece unha contestación. Non teñen dereito o Parlamento ou o Goberno de España a saber cal é a achega da Xunta? Hai que ser transparente e o Consello de Contas acaba de reflectir nun informe que a Xunta non o é neste aspecto. Isto vai de sumar, de axudar entre todas as administracións. Por iso pedín reunións trimestrais con Rueda: porque é un bo momento para examinarse mutuamente, para analizar a cogobernanza e render contas.

Hai certa sensación de que eses fondos de recuperación non están chegando ao territorio e, desde logo, non están revolucionando a economía. Que ocorre?

O que hai é moito interese dalgúns en tentar ocultalo. Moitos deses fondos xa están operativos: os dixitais, os de mobilidade, os de rehabilitación de vivenda... Pero moitas veces a Xunta tenta ocultar cal é a súa procedencia e intenta trasladar que non chegan. 

Entón, vostede é optimista cos grandes proxectos industriais pendentes en Galicia?

Si. Pero por iso pido que a Xunta clarifique canto achegará. Falamos de proxectos que deben ser prioritarios para todos, non só para o Goberno de España.

Sobre os prazos para reparar os viadutos da A-6 parece que está todo falado: finalmente non se farán os dous á vez e estará listo un a final de ano. Pero non cre que alguén debera asumir responsabilidades porque unha obra destas dimensións e deste custo se veña abaixo en apenas 20 anos?

Eu non son quen para dicir quen foi responsable, senón que iso será resultado dunha investigación. A min o que me preocupa é desenvolver a infraestrutura rápido para volver á normalidade; o resto é confrontar. O compromiso do Goberno é rematar un viaduto a finais deste ano. Os recursos humanos e económicos non serán un problema, pero é unha obra complexa a nivel técnico. 

Chega vostede á Delegación do Goberno nun dos momentos de maior conflitividade Xunta-Estado que se lembran. Non parece un papel doado o seu. 

Por iso insistín moito desde o principio coa rendición de contas. Estou pesado con iso, pero é porque é a mellor forma de medir o esforzo de cada un, aínda que algúns non queren porque temen ese momento no que se vexa o seu saldo. O que máis me gusta da miña tarefa é que estamos ante unha oportunidade histórica e eu quero participar nela, así que lle dixen a Rueda que non quero perder nin un minuto nin un euro en polémicas estériles. O que temos que facer é redactar rápido os proxectos, financialos e executalos. 

Generated by  IJG JPEG Library
AppleMark
José Ramón Gómez Besteiro. XESÚS PONTE

"Tirar o Garañón é un broche de ouro; eu estou encantado"

Que escenario agarda para as eleccións municipais do 28?

Imos ter un bo resultado. E no que se refire a Lugo, os veciños van premiar o goberno de Lara Méndez, que esta protagonizando a segunda gran transformación de Lugo. A primeira foron os accesos, aqueles retos históricos como a ponte do Miño. Agora trátase de dar sentido a todo aquilo. O goberno actual aposta pola mobilidade, desbloqueou a intermodal logo de anos cos papeis agochados por parte do Goberno de Rajoy. O tren Lugo-Ourense ten un investimento de 550 millóns, case tres veces a Cidade da Cultura. Está todo o desenvolvemento do Rato e a Fervedoira por un lado, e polo outro o río Miño xa é protagonista da cidade, coa recuperación da titularidade da N-VI, o Caudal Fest ocupando un espazo cultural permanente, as caldas, a recuperación da fábrica da luz... Toda esa cidade sostible dará rendemento no futuro, así que penso que a política de Lara Méndez acabará calando. 

Orozco dixo que vía a cidade de Lugo algo parada. Compárteo?

Comparto cousas que dixo nesa entrevista como que non se fía da candidata do PP, e non me estraña! En xeral todos vivimos unha situación de parálise coa pandemia, pero en Lugo estamos a falar hoxe do maior investimento dos últimos vinte anos cos máis de 20 millóns da intermodal, o tren a Ourense, a autovía Lugo-Santiago que está ao final do proceso... E fronte a iso, cantos carteis da Xunta lembra a xente na cidade nestes oito anos? Eu como veciño non moitos. A rolda leste lémbroa xa de cando o meu fillo empezou a carreira e o Plan Paradai leva 14 anos nos orzamentos da Xunta pero non se move nin unha pala. Vense máis carteis da Deputación que da Xunta! 

Lara Méndez está protagonizando a segunda transformación de Lugo e a súa política acabará calando na xente

Precisamente esta semana licitouse a intermodal. 

É outro enorme paso adiante para a cidade, con 22 millóns de euros. E tamén é unha proba máis de que Lugo sempre avanza da man dos gobernos progresistas. Esta intermodal puido ter sido a primera en construírse en Galicia, porque o proxecto estaba listo na etapa do anterior gobierno socialista [con Pepe Blanco], pero Rajoy, con maioría absoluta, deixouno nun caixón e a Xunta sempre torpedeou o proxecto. Agora é o Goberno de Pedro Sánchez quen desbloquea esta estación vital para Lugo, como tantas outras demandas históricas da cidade que agora por fin están en marcha.

Por certo, O Garañón, que tantos quebradoiros de cabeza lle deu, vai ser derrubado. Será un alivio para vostede velo desaparecer?

Supoño que será para todos. A pregunta é: por que se puido construír un edificio ao lado do parque? A resposta é tan clara como que no ano 90 a corporación de Lugo votou un PXOM que o permitiu. O PP, na época de Vicente Quiroga, foi responsable de que iso fose edificable, co voto en contra do PSOE. Isto é o mesmo que se alguén prende lume no monte e logo lle di a outro que ten que apagalo. Pois non lle prendas! Pero por sorte en Lugo todos coñecen a explicación do Garañón. Dito isto, eu estou encantado de que desapareza. É un broche de ouro para a cidade, e por certo, protagonízao Lara Méndez, que se comprometeu a demolelo e está a facelo. Penso que ademais chegan nun momento, ás portas das municipais, onde se fai xustiza.

Lugo conta hoxe co maior investimento en vinte anos grazas ao Goberno mentres non se ve nin un cartel da Xunta

Está o PSdeG igual que cando o deixou vostede? 

Eu non son de mirar polo retrovisor! Vexo o PSdeG que puxa por ser protagonista na vida de Galicia. E fronte aos que din que son o partido que máis se parece a Galicia, e os que din que son o partido que máis defende a Galicia, está no punto exacto intermedio: somos os que resolvemos os problemas de Galicia.