sábado. 17.04.2021 |
El tiempo
sábado. 17.04.2021
El tiempo

O Sergas aprobará unha nova oferta pública de emprego no último trimestre do ano

Vázquez Almuiña. AEP
Vázquez Almuiña. AEP

En Marea censura que a Xunta leve anos "incumprindo" as reivindicacións do persoal dos PAC 

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, avanzou que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) aprobará no último trimestre do ano unha nova oferta pública de emprego (OPE) que esgotará a taxa de reposición. 

Así o anunciou este martes na Cámara galega en resposta a unha interpelación formulada pola deputada de En Marea, Eva Solla, que cargou contra a xestión sanitaria do PP e lamentou que o conselleiro se limite a acudir ao Parlamento a trasladar "un anuncio" sen "dar nin unha soa solución" ás demandas do persoal sanitario. 

Enfronte, o titular de Sanidade defendeu que o seu departamento traballa para "dar resposta" aos actuais desafíos da Atención Primaria como son a cronicidade, o envellecemento poboacional e a dispersión xeográfica. 

Así mesmo, asegurou que, nas últimas ofertas públicas de emprego, a Xunta deu prioridade ás categorías propias da Atención Primaria, como médico de familia, pediatra ou enfermeiro especialista en enfermería familiar e comunitaria. 

Respecto diso, recordou que o próximo 25 de novembro celebraranse as probas para cubrir 214 prazas de médico de familia. "En total, no período 2012-2017 ofertáronse 1.358 prazas de médico de familia e persoal de enfermería", sinalou. 

En resposta a Eva Solla, o conselleiro tamén destacou o incremento das prazas MIR, a flexibilización da idade de xubilación, así como a posta en marcha dun sistema ordinario de carreira profesional para todos os colectivos do Sergas.

PERSOAL DOS PACS E INNOVACIÓN TECNOLÓXICA. Respecto das demandas do persoal dos Puntos de Atención Continuada, o conselleiro asegurou que o Sergas mantén o diálogo e ten unha postura receptiva para seguir negociando cos representantes dos traballadores destes centros no seo da comisión técnica creada para estes efectos. 

Sobre esta cuestión, destacou que levaron a cabo cinco reunións e que a negociación segue aberta. "Diálogo, compromiso e responsabilidade son as premisas coas que se están realizando estas negociacións", sinalou.

CRÍTICAS DE EN MAREA. Enfronte, a deputada de En Marea Eva Solla afeou ao conselleiro que a Xunta "leve anos incumprindo as reclamacións do persoal dos PAC" pero que tardase "só unhas horas en incumprir os servizos mínimos da súa folga deixando puntos sen atención". 

"Os profesionais fan folga porque vostedes fan caso omiso, fixeron caso omiso cando se dixo que ía ocorrer unha desgraza", sinalou a parlamentaria, que recordou o falecemento dun paciente sen atención médica no PAC da Estrada. 

O Sergas aprobará unha nova oferta pública de emprego no último...
Comentarios