Sobe a presión nas Uci dos hospitais galegos con cinco pacientes máis con covid

Os casos activos volven medrar a pesar de que os novos contaxios detectados baixan dos 200
Sanitarias nunha Uci. ARQUIVO
photo_camera Sanitarias nunha Uci. ARQUIVO

A presión hospitalaria provocada pola pandemia de covid-19 en Galicia descendeu este sábado ata os 183 ingresados, unha ducia menos que 24 horas atrás. Con todo, isto débese á caída rexistrada nos pacientes en planta, que pasan a 152 —17 menos—, xa que os que están en unidades de coidados intensivos aumentan en cinco, ata os 31. 

Mentres tanto, os casos activos de coronavirus seguen á alza por novena xornada consecutiva, ata alcanzar os 2.590 pacientes. Atendendo aos datos ofrecidos este sábado pola Consellería de Sanidade, actualizados ata as 18.00 horas do venres, son 67 máis que a xornada anterior. 

Por áreas sanitarias, as infeccións activas soben en seis do sete: en Vigo ata os 655 pacientes (+13); na Coruña a 628 (+20); en Pontevedra a 417 (+10); en Ourense a 224 (+7); en Lugo a 189 (+16) e en Ferrol a 101. Mentres, en Santiago descenderon lixeiramente, ata situarse en 376 casos activos (-3).

Os novos contaxios detectados baixan de 200, pero a taxa de positividade das PCR repunta a un 3,1% 

En canto aos novos contaxios detectados nun só día por calquera tipo de proba, baixaron a 194 —176 confirmados cunha PCR—, o que significa unha baixada de 67 con respecto aos 229 nos do venres. Das 194 novas infeccións rexistradas, case a metade corresponden ás áreas da Coruña (48) e Vigo (46). Tras estas, Pontevedra suma 32 novos casos de coronavirus, Lugo 26, Santiago 18, Ourense 15 e Ferrol nove. 

Galicia realizou 1.949.092 pruebas PCR desde o inicio da pandemia, 5.807 feitas nas últimas 24 horas —1.338 menos que o día anterior—. No que respecta á taxa de positividade, ascendeu ao 3,1%, tras manterse en torno ao 2% nos últimos días. Con todo, segue por debaixo do 5% que a Organización Mundial da Saúde (OMS) fixa para dar por controlada a pandemia.

A pandemia deixa ata agora 2.371 persoas falecidas diagnosticadas con covid-19, ao non notificar Sanidade novas vítimas desde o mércores. Entre finais de setembro e finais de marzo comunicáronse mortos de forma diaria e desde entón tan só houbo sete xornadas sen notificación de vítimas. 

Así mesmo, ata o momento superaron o coronavirus en toda Galicia 114.738 pacientes, o que supón que 127 persoas recibiron a alta nas últimas 24 horas.