domingo. 13.10.2019 |
El tiempo
domingo. 13.10.2019
El tiempo

Soben un 36,5% as rupturas matrimoniais en Galicia, con seis demandas por cada 10.000 habitantes

Divorcios. AEP
Divorcios. AEP

Rexistráronse 1.618 demandas de divorcio e separación no primeiro trimestre

O número de demandas de separacións e divorcios presentadas en Galicia no primeiro trimestre de 2019 situouse en 1.618, fronte ás 1.185 que se rexistraron no mesmo período do ano pasado, o que supón un aumento do 36,5 por cento, fronte ao 1,2% de incremento de media estatal. Así o informou o Tribunal Superior de Xustiza (TSXG) nun comunicado, no que puntualiza que "esta subida se debe, polo menos en parte, á folga de funcionarios que desde febreiro até maio de 2018 afectou ao normal funcionamento da Administración de Xustiza" na comunidade galega. 

Deste xeito, ao pór en relación as demandas de ruptura matrimonial coa poboación a 1 de xaneiro de 2019, destaca o TSXG, "obsérvase por cada 10.000 habitantes en Galicia rexistráronse seis demandas no período estudado", fronte ao 6,3 de media estatal. 

Segundo os datos feitos públicos este mércores pola Sección de Estatística do Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPJ), en Galicia aumentan os divorcios consensuados de 628 a 846 (un 34,7% máis) e o non consensuados pasan de 520 a 709 (un 36,3%). 

Entre o 1 de xaneiro e 31 de marzo rexistráronse 607 procedementos de modificación de medidas relativas a fillos

En relación ás separacións consensuadas, a estatística reflicte que pasaron de 28 a 44 no primeiro trimestre do ano, mentres que as non consensuados pasaron de 9 a 19. Ademais, neste período rexistráronse dúas peticións de nulidade matrimonial.

FILLOS. Así mesmo, no tres primeiros meses do ano rexistrouse tamén un aumento interanual tanto nos procedementos de garda, custodia e alimentos de fillos non matrimoniais, como nos de modificación de medidas en procesos de separación e divorcio. En concreto, entre o 1 de xaneiro e o 31 de marzo de 2019 iniciáronse 168 procedementos de modificación de medidas consensuadas, o que supón un 55,6 por cento máis que no mesmo período do ano anterior. As demandas de modificación de medidas non consensuadas pasaron de 387 a 439, un 13,4 por cento máis. 

Durante a folga de 2018 deixáronse de rexistrar procedementos, o que provoca as baixas cifras do primeiro trimestre do ano pasado

En canto aos procedementos de garda, custodia e alimentos de fillos non matrimoniais, rexistráronse 168 demandas de modificación de medidas consensuadas, fronte ás 108 do primeiro trimestre de 2018 (55,6% máis); e 439 demandas de modificación de medidas non consensuadas —con respecto ás 387 do ano pasado—, o que representa unha subida interanual do 13,4 por cento.

FOLGA. "Estes datos han de ser interpretados tendo en conta que durante a folga de 2018 deixáronse de rexistrar procedementos, o que provoca as baixas cifras do primeiro trimestre do ano pasado", explicou o TSXG. Durante os meses estudados de 2019, ademais, "parte dos xulgados contaron cun plan de reforzo de funcionarios para liquidar as consecuencias da protesta e axilizar os asuntos pendentes", destacou. 

Soben un 36,5% as rupturas matrimoniais en Galicia, con seis...
Comentarios