sábado. 18.01.2020 |
El tiempo
sábado. 18.01.2020
El tiempo

Sogama renova a súa web "nun firme compromiso coa formación cidadá e a transparencia"

Nova web de Sogama. SOGAMA
Nova web de Sogama. SOGAMA

A entidade pública busca así "ofrecer á poboación un servizo de maior calidade"

Sogama vén de renovar a súa páxina web www.sogama.gal co obxectivo de "ofrecer ao internauta un servizo de calidade a través do cal poida coñecer con detalle a súa política empresarial e teña a oportunidade de acceder aos pormenores da súa actividade, adentrándose na mesma desde a dimensión ambiental, industrial, económica, social e educativa".

Segundo destaca a entidade pública nun comunicado, a nova web conta "cunha imaxe máis atractiva, dinámica, amena e clarificadora" onde presenta os contidos desagregados por apartados "para profundar en distintas temáticas de interese, ofrecendo incluso un espazo lúdico e interactivo mediante o cal os cidadáns logren reforzar os seus coñecementos con xogos en liña vinculados á xestión sostible dos residuos".

Tamén a través da web, os interesados poden acceder ás redes sociais da entidade que, a día de hoxe, aglutinan a preto de 6.600 seguidores.

Desde a nova páxina tamén se pode acceder a outros portais dos que Sogama é titular como o relativo á compostaxe doméstica, a campaña asociada á diminución do desperdicio alimentario e á súa plataforma de sensibilización Caderno Verde, orientada a profesores, alumnos e pais, e na que se combinan distintos recursos educativos e didácticos tales como guías, fichas e videocontos adaptados ás diversas franxas de idade dos pequenos.

A través do seu saúdo, o presidente da compañía, Javier Domínguez, dá a benvida aos visitantes, enxalzando o valor dun sitio web que pretende ser, por riba de todo, "unha canle aberta coa cidadanía, dando conta a través do mesmo do esforzo, labor, dedicación e empeño investido pola empresa durante máis de 25 anos de existencia por facer de Galicia un lugar próspero, libre de contaminación e afastado dos centos de vertedoiros e miles de focos de vertido ilegal diagnosticados na comunidade a finais do século pasado e que hoxe, grazas á existencia de Sogama, forman parte do pasado".

Pero, sempre coa vista posta no futuro, Domínguez alude ao proceso de ampliación da infraestrutura industrial de Cerceda como "un gran paso cara ao modelo de desenvolvemento definido pola economía circular" e que, sen excusas nin pretextos, debe integrarse nos obxectivos da empresa, toda vez que, coa incorporación de novas tecnoloxías e o incremento da súa capacidade de xestión industrial, poderá multiplicar por catro as súas taxas de reciclaxe e diminuír o uso do vertedoiro ata chegar ao vertido técnico cero.

 

Sogama renova a súa web "nun firme compromiso coa formación cidadá...