
Este martes Galicia perderá a influencia das altas presións coa chegada dunha fronte fría polo noroeste a partir da segunda metade da xornada. Así, amencerá con poucas nubes en xeral, que serán de tipo alto. Co avance da tarde, aumentará a nubosidade polo noroeste, con precipitacións nas comarcas costeiras. Pola noite as choivas serán xeneralizadas.
Segundo a información publicada por Meteogalicia, as temperaturas seguirán sen cambios significativos. Deste xeito, nas grandes cidades galegas as temperaturas máximas subirán até os 15 graos en Pontevedra, Vigo, Ourense e A Coruña e alcanzarán os 13º en Lugo e Ferrol.
Pola súa banda, os valores mínimos descenderán até os tres graos na capital lucense, mentres que na Boa Vila ou Compostela non baixarán de seis.