Tellado lamenta que Pedro Sánchez “premie” a ministros que danan a Galicia

Tamén ironizou coa designación de Díaz, xa que puxo en cuestión a solvencia dos cargos de Unidas Podemos 
Miguel Tellado. P. FERRÍN
photo_camera Miguel Tellado. P. FERRÍN

O secretario xeral do PPDdeG, Miguel Tellado, criticou este venres os nomeamentos coñecidos dentro do novo Goberno cos que, na súa opinión, parece que o presidente Pedro Sánchez intenta premiar aos ministros que máis prexudiciais foron para Galicia como a ministra de Facenda, María Jesús Montero, ou a de Transición Ecolóxica, Teresa Ribera.

Segundo lamentou Tellado en rolda de prensa, “mal empeza Pedro Sánchez” premiando cunha vicepresidencia a unha ministra -Ribera- “que pechou As Pontes”, cun nomeamento co que parece que quere “cuspirlles na cara aos veciños de toda unha comarca”.

Tamén é unha mala decisión para Galicia que se premie coa portavocía do Goberno á titular de Facenda á ministra que aínda debe 200 millóns a Galicia correspondentes a unha mensualidade do IVE de 2017. Con estas decisións “parece que para o presidente do Goberno é un mérito facerlle dano a Galicia”.

Con todo, ao secretario xeral do PPdeG resúltalle curioso que para buscar ministros galegos Pedro Sánchez non busque nas filas dos socialistas galegos senón que prefira optar por unha representante de Unidas Podemos como a ferrolá Yolanda Díaz que ocupará a carteira de Traballo.

Tellado asegurou que o PPdeG será esixente cun Goberno que xa acumula atrasos coas súas promesas a Galicia

Con todo, tamén ironizou coa designación de Díaz, xa que puxo en cuestión a solvencia dos cargos de Unidas Podemos que ocuparán postos de responsabilidade no Executivo se “Yolanda é a ministra de Podemos que ten máis experiencia de xestión acumulada cando ten o seu currículo un ano e dous meses como concelleiro de cultura e festas no concello de Ferrol”.

Un bagaxe, “tremendamente útil para defender o emprego no noso país”, ironizou. Por todo iso, Tellado sinalou que ante a conformación dun Goberno que ademais terá “dous presidentes” os cidadáns xa non saben “se rir ou chorar”.

“É moi difícil ser optimista cun Goberno que non van ser máis que dous gobernos presididos por dous presidentes. Un Goberno que chegou a Moncloa logo de mentir reiteradamente e prometer o contrario do que acabaría pactando”, censurou.

Así as cousas, Tellado asegurou que o PPdeG será esixente cun Goberno que xa acumula atrasos coas súas promesas a Galicia xa que se os ministros tomasen posesión, hoxe mesmo nunha reunión do Consello de Ministros puidésese podido “resolver o pago da débeda que lle debe a Galicia, a aprobación do estatuto para as electrointensivas e pór freo á subida das peaxes da AP-9”.

Lamentan xa que logo desde o PPdeG que “en funcións ou con plenos poderes, Pedro (Sánchez) sigue perdendo un tempo importante para Galicia”. 

Comentarios