A institución Valedor do Pobo, que dirixe María Dolores Fernández Galiño, transferirá unha achega de 2 millóns de euros á Xunta como medida de apoio á xestión da emerxencia sanitaria derivada da pandemia provocada polo covid-19.
Despois de que a semana pasada o Parlamento de Galicia anunciase o traspaso doutros dous millóns de euros á Administración autonómica, a valedora comunicou ao presidente do Lexislativo galego, Miguel Santalices, a súa vontade de efectuar tamén un traspaso por esta cantidade de fondos procedentes do remanente de tesouraría.
Diso informa a defensoría galega nun comunicado, no que detalla que a medida será validada por resolución do presidente do Parlamento e posteriormente ratificada pola Mesa da Deputación Permanente.
A institución destaca que, con este xesto, súmase ao do Parlamento galego que o pasado día 3 de abril acordou transferir á Administración autonómica outra partida de 2 millóns, tamén procedentes do remanente de tesouraría, para apoiar a xestión da Xunta na pandemia.