domingo. 25.10.2020 |
El tiempo
domingo. 25.10.2020
El tiempo

Vigo prepárase para acoller un Marisquiño que cicatrice as feridas

Unha das pasadas edicións do Marisquiño. ADP
Unha das pasadas edicións do Marisquiño. ADP
A organización garante a seguridade "ao cento por cento" tras "triplicar o orzamento dedicado aos estudos técnicos"

O skatepark de Navia, "un dos mellores do país", foi o lugar escollido pola organización de O Marisquiño para presentar o martes a XIX edición do festival, a cal se celebrará entre os próximos días 9 e 12 con todo o necesario para que dunha vez quede no esquecemento a traxedia do ano pasado.

"O último que quero é que a xente se leve o recordo dunha ferida que, ademais, fisicamente está aí e é ben visible", dixo Joako Ezpeleta, director do Marisquiño, quen garantiu "ao cento por cento", nunha "edición extraordinaria", a seguridade de deportistas, profesionais, traballadores e espectadores.

"A seguridade está garantida porque o festival triplicou o orzamento dedicado aos estudos técnicos, a seguridade, a arquitectos, a enxeñeiros e a traballar dunha forma moito máis rigorosa, moito máis profunda", engadiu.

Joako Ezpeleta: "A seguridade está garantida porque o festival triplicou o orzamento dedicado aos estudos técnicos"

Centos de espectadores resultaron feridos o pasado 12 de agosto, durante o concerto de Rels B que clausuraba o evento, a causa do afundimento do paseo das Avenidas, no que foi o peor momento dun dos festivais de cultura urbana máis sobresalientes de Europa.

Seguir adiante, explicou Ezpeleta, requiriu dun "apoio incondicional" de Concello, Zona Franca e Deputación, cuxos representantes, Abel Caballero, David Regades e Carmela Silva, respectivamente, asistiron tamén á presentación xunto a ducias de skaters.

"Situámonos no centro de atención de toda Europa e iso non é tarefa fácil", dixo pola súa banda Caballero, que recordou que o Concello aumentou este ano a dotación orzamentaria para O Marisquiño en cen mil euros, e que volveu a criticar á Xunta por diminuíla en 50.000 "con respecto ao que hai uns meses dixera que ía achegar".

O Marisquiño mantén as disciplinas olímpicas de BMX, Basket 3x3 e Skateboarding e incorpora modalidades deportivas como o Bing Jump ou o Football Freestyle nunha edición que espera este ano a máis de 160.000 espectadores.

Grazas a un acordo selado co Diario AS e La Liga Sports, os eventos deportivos poderán seguirse en vivo por streamig, polo que se espera que sexan decenas de miles de afeccionados de todo o mundo os que sigan en directo canto aconteza nas inmediacións do Náutico de Vigo.

Os eventos deportivos poderán seguirse en vivo por streamig

 

O festival, que se converteu en todo un referente a nivel nacional, emprega a uns 300 traballadores e proporciona a Vigo e a súa área de influencia un retorno económico que os hostaleiros cifran en dezaseis millóns de euros.

Este ano espérase que uns 300 medios locais, nacionais e internacionais cubran o evento, que inclúe competicións deportivas que serán olímpicas en Tokio 2020 avaladas polas súas respectivas federacións internacionais.

E un ano máis, como recordou Carmela Silva, O Marisquiño apostará pola igualdade de xénero, por ser un espazo "onde os seres humanos relacionámonos desde o afecto e non desde a dominación", e onde os premios serán os mesmos para homes e mulleres. 

Vigo prepárase para acoller un Marisquiño que cicatrice as feridas
Comentarios