A Xunta abre a inscrición nas listas de emprego temporal

Publicada a actualización provisional de méritos das persoas integrantes das listas de contratación da Administración autonómica
Xunta
photo_camera Edificio administrativo da Xunta en San Caetano. ARQUIVO

A Xunta abrirá este luns 2 de marzo, ata o próximo 30 de abril, a inscrición nas listas de emprego temporal para traballar nos servizos públicos da Administración galega. Segundo informou nun comunicado, estas listas son convocadas para cubrir vacantes, realizar substitucións e reforzar os servizos e poderá anotarse nelas calquera persoa que conte coa titulación correspondente. 

As persoas contratadas prestarán servizos en escolas infantís, centros de atención a menores ou persoas con diversidade funcional, residencias de maiores, centros para persoas con dependencia, en servizos de garda costeira ou en institutos politécnicos. 

En total abriranse 32 listas para inscrición, 18 para traballar como funcionario interino e 14 para traballar como contratado laboral. O Goberno autonómico recorda que o feito de estar anotado en listas de emprego temporal coma esta, permite conseguir méritos á hora de participar nun proceso selectivo. 

O prazo para a inscrición estará aberto ata o 30 de abril

As persoas interesadas en inscribirse nestas listas deberán facelo a través da web da Xunta no apartado de listas de contratación, agás aquelas que xa formen parte da bolsa, pois non necesitan volver anotarse. As listas de veterinarios, escala de axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia, titulado superior médico, enfermeiro, fisioterapeuta, terapeuta ocupacional, educador ou xefe de cociña xa están abertas.

ACTUALIZACIÓN DE MÉRITOS. Doutra banda, o Diario Oficial de Galicia publicou a actualización provisional de méritos das persoas das listas de emprego da Administración galega. Os interesados en realizar algunha reclamación teñen dez días hábiles desde este luns para formalizala e entregar a documentación justificativa. 

O estado para a incorporación de solicitudes no que se atope cada lista, o procedemento a seguir para a inscrición e as puntuacións das persoas integrantes desta consecuencia da actualización de méritos, poden consultarse na web da Xunta, no apartado de listas de contratación.