A Consellería do Medio Rural iniciará a próxima semana as reunións de estudo e control das 77 zonas de Galicia que maior índice de actividade incendiaria presentan.
O obxectivo, segundo sinala a Xunta nun comunicado este domingo, é controlar "sobre o terreo" as "causas, consecuencias e peculiaridades" dos incendios en cada unha das parroquias con máis actividade incendiaria.
Deste xeito, técnicos de Medio Rural comezarán a reunirse con alcaldes e responsables municipais, representantes das forzas de seguridade e axentes sociais para perfilar plans específicos para cada área.
O obxectivo é estudar as causas que converten estas parroquias en puntos conflitivos para os lumes forestais e, deste xeito, articular plans de "prevención, disuasión, extinción e investigación" dos incendios.
A primeira das reunións, que se estenderán polas catro provincias galegas, terá lugar a próxima semana e estará centrada de maneira conxunta na zona dos concellos ourensáns de Maceda, Padrenda, Vilamarín e a propia capital provincial.
Ourense é a provincia que máis 'Parroquias de alta actividade incendiaria' (PAAI) ten. A Xunta di no seu comunicado que a continuación levaránse as reunións ao resto de provincias e que se realizarán "sempre antes do inicio da temporada de alto risco de incendios, que coincide co verán".