jueves. 23.09.2021 |
El tiempo
jueves. 23.09.2021
El tiempo

A Xunta oferta case 10.000 prazas en campamentos e campos de traballo

Mozos nunha actividade de vela durante un campamento o pasado verán. EP
Mozos nunha actividade de vela durante un campamento o pasado verán. EP

Rey Varela destacou que esta ten como finalidade que "a mocidade goce participando en actividades de lecer e tamén formativas"

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, presentou este mércores a Campaña de Verán 2018 da Xunta de Galicia, que oferta para a tempada estival case 10.000 prazas para campamentos, tanto en Galicia como noutras comunidades autónomas.

Rey Varela destacou que a programación estival da Xunta "volve ser un referente en España, ofrecendo á xente nova non só de Galicia senón tamén doutras rexións e mesmo do estranxeiro unha atractiva programación que converte a nosa comunidade nun destino preferente nos meses de xuño, xullo, agosto e setembro".

A oferta de verán do Goberno galego ten como finalidade que "a mocidade goce participando en actividades de lecer e tamén formativas na procura de que o verán sexa un tempo para divertirse e tamén para o enriquecemento persoal".

Ademais, busca favorecer a inclusión dos mozos con discapacidade; fomentar a mobilidade e o intercambio cultural; así como facilitar a conciliación das familias.

A Campaña de Verán 2018 presenta entre as súas principais novidades o incremento, unha edición máis, do número de prazas ofertadas, que ascende a 9.870, 298 máis que na programación do exercicio anterior.

Contempla tamén un maior investimento ata chegar aos 3,2 millóns de euros, o que supón un aumento do 8%.

Outras melloras son a incorporación de dúas novas instalacións ás ofertadas en 2017 e a posta en marcha de dúas novas iniciativas para o fomento das vocacións tecnolóxicas entre os máis novos.

Os campamentos de verán da Xunta de Galicia teñen un marcado carácter inclusivo ao reservar un centenar de prazas para nenos en tutela ou garda da Xunta, outras 52 para fillos de mulleres vítimas da violencia de xénero e 230 para xente nova con discapacidade.

Así, os campamentos organizados nas instalacións xuvenís da Xunta para menores entre os 9 e os 17 anos de idade ofertan 6.483 prazas nun total de 25 albergues e instalacións distribuídos por toda a xeografía galega.

Dentro destes campamentos organízanse actividades de lecer educativo e de diferentes temáticas, como actividades náuticas, coñecemento do medio natural, dramatización e expresión cultural, xogos tradicionais ou deportes de multiaventura, entre outras.

Tamén se ofertan outras 315 prazas para que mozos galegos poidan participar en campamentos de intercambio con outras comunidades, concretamente no País Vasco, Castela e León, Estremadura, A Rioxa, Madrid e Cantabria.

Mozos destas rexións de España tamén poderán vir a Galicia para participar nolos nosos campamentos.

CAMPOS DE TRABALLO. Doutra banda, levarán a cabo un total de 28 campos de traballo nos que os participantes realizarán tarefas de tipo ambiental, arqueolóxicas, de restauración, culturais e patrimoniais, audiovisuais e de fomento do emprendimiento, así como labores propios da organización dun festival.

Esta Campaña de Verán 2018 oferta 925 prazas en campos de traballo, das cales 603 galegos e as restantes para participantes doutras comunidades autónomas e do estranxeiro.

Os mozos galegos tamén poderán asistir a campos de traballo noutros puntos de España e en países europeos como Francia Alemaña, Bélxica, Italia, Grecia, Países Baixos, República Checa, Estonia, Letonia, Serbia, Ucraína, Islandia, Armenia Turquía; e mesmo de fóra de Europa como Cambodia, China, Filipinas, Hapón, Corea do Sur, Taiwan, Nepal, India e México.

A Xunta oferta case 10.000 prazas en campamentos e campos de traballo
Comentarios