A Xunta oferta 9.834 prazas para campamentos e campos de voluntariado para este verán

Buscan fomentar o voluntariado desde unha vertente formativa e mellorar a conciliación da vida familiar e laboral

A conselleira de Política Social, Fabiola García, e a directora xeral de Xuventude, Cristina Pichel, na conferencia de prensa de presentación. PEPE FERRÍN
photo_camera A conselleira de Política Social, Fabiola García, e a directora xeral de Xuventude, Cristina Pichel, na conferencia de prensa de presentación. PEPE FERRÍN

A conselleira de Política Social, Fabiola Garcia, presentou este luns o programa de actividades de verán da Xunta, que este ano convoca 9.834 prazas de campamentos e campos de voluntariado para mozos. 

Así o anunciou Fabiola García nunha rolda de prensa en compañía da directora xeral de Xuventude, Cristina Pichel, na que informou da convocatoria de prazas da campaña 'O verán que queres vivir', con actividades nos meses de xullo, agosto e setembro que buscan dinamizar o sector da educación e do tempo libre, fomentar o voluntariado desde unha vertente formativa e mellorar a conciliación da vida familiar e laboral.

Esta proposta da Xunta inclúe campamentos, programas de intercambios con outras comunidades autónomas e co estranxeiro, actividades concertadas e campos de voluntariado, entre outras cuestións. 

De feito, o Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este luns a orde que rexe a solicitude de praza para os campamentos de verán en Galicia e noutras comunidades. Neste caso o prazo ábrese este martes e pecharase o próximo 7 de maio. Pola súa banda, a convocatoria para inscribirse nos campos de voluntariado abrirase o vindeiro xoves, día 25, e pecharase o 10 de maio en primeira convocatoria. 

Poderán participar nestas actividades os mozos a partir dos 9 anos e ata os 30. Todos os campamentos están abertos a persoas con discapacidade e, ademais, este colectivo ten unha convocatoria específica para persoas de entre 11 e 40 anos.

Así mesmo, hai 100 prazas reservadas para menores de idade que están baixo o sistema de protección da Xunta e outras 52 para fillos de mulleres vítimas de violencia de xénero, destacou a conselleira. 

A campaña de verán deste ano incorpora tres novos campamentos: Aldea Perdida na Granxa Zoo de Grixalba, en Sobrado dous Monxes; outro sobre astronomía no albergue de San Xoán de Río, en Ourense; e un novo campamento tecnolóxico nas instalacións xuvenís de Gandarío.

ACCIÓNS DE VOLUNTARIADO 
En relación aos campos de voluntariado (antigos campos de traballo), inclúen este ano cinco novas propostas (ata 30): 'A terra que habita non mar', no Grove; unha iniciativa de protección e recuperación das dunas de Corrubedo, en Ribeira; un terceiro campo de temática ambiental en Manzaneda; un campo en Ourense denominado 'Riós, un mar de castiñeiros'; e, para rematar, o primeiro campo de voluntariado intermunicipal, sobre o Camiño de Santiago, e que terá lugar en Boqueixón e Vedra. 

En cifras, a campaña deste verán ofrece en total 9.834 prazas, 62 máis que o ano anterior. Do total, 643 serán prazas en campos de voluntariado, 40 máis que o ano pasado, e a oferta concertada aumentará ata as 1.255 prazas. Haberá 6.335 prazas en campamentos para menores de 18 anos, 320 noutras comunidades, e 322 prazas en campos de voluntariado no estranxeiro ou outras comunidades. 

Comentarios