Zhong Zhong e Hua Hua, dous primates creados polo método da ovella Dolly
Os dous simios foron xerados no Instituto de Neurociencia da Academia Chinesa de Ciencias en Shangai
Un equipo de científicos chineses logrou clonar por primeira vez a dous primates xeneticamente idénticos co mesmo método que se usou para crear á ovella Dolly en 1996, segundo un estudo publicado na revista especializada Cell.
Estes primates, dous macacos de cola longa, foron creados mediante unha transferencia nuclear de células somáticas, é dicir, a partir de células do tecido dun primate macaco adulto, nun procedemento levado a cabo no Instituto de Neurociencia da Academia Chinesa de Ciencias en Shangai.
Así, fai oito semanas unha macaco femia deu a luz a un clon, creado a partir de células de tecido, a mesma técnica coa que que se creou á famosa ovella Dolly. Dez días máis tarde naceu un segundo mono, idéntico ao primeiro, no mesmo centro.
Os dous clons, chamados Zhong Zhong e Hua Hua, están vivos e sans, aseguraron nunha conferencia telefónica os investigadores chineses. "A principal razón para clonar a estes primates é porque son moi próximos aos humanos evolutivamente e poden axudar en tarefas de investigación de enfermidades cerebrais, cancro ou transtornos metabólicos", explicou o neurobiólogo Mu- ming Poo, do equipo científico de clonación.
HUMANOS. Preguntado por se o seu equipo estaría interesado en aplicar esta técnica para clonar humanos, o investigador descartou a idea e asegurou que non teñen intención de facelo. Grazas a este avance, agora é posible crear poboacións de investigación de monos idénticos e personalizados, que segundo Poo e os seus colegas reducirían a cantidade de primates utilizados nos experimentos de laboratorio.
"Somos moi conscientes de que a investigación futura con primates non humanos en calquera lugar do mundo depende de que os científicos sigan normas éticas moi estritas", concluíu Poo.