Fran Cañotas: "Fago deporte para comer o que me peta"
Fran Rego González, 'Cañotas', natural de Arzúa, é un dos rostros máis coñecidos da TVG como xornalista e presentador. Conta cun estilo de vida activo, onde combina exercicio, hobbys e unha dieta flexible. Detrás do seu sentido do humor hai disciplina persoal e amor pola vida saudable.
O fútbol sempre presente
De pequeno foi "estrela" nas escolas deportivas do Arzúa, onde compartiu equipo cos amigos do pobo exercendo de porteiro. O fútbol sempre lle acompañou, así como o fútbol sala. Máis recentemente, e aínda que tamén lle gusta o pádel, descubriu o Fit and Box, unha práctica de alta intensidade con sacos de boxeo que combina exercicio físico, cardio e música. "Queimas moito", explica.
Catro días por semana
Fran, pola natureza do seu traballo, busca manterse en forma e atopa tempo para adestrar unhas catro veces por semana. Se a axenda lle falla, intenta, polo menos correr. "É o que menos me gusta", admite entre risas. Ao rematar a semana, mantén enerxía e evita a "preguiza" que aparece cando pasa uns días sen adestrar.
Alimentación, sen evitar os praceres
A súa alimentación é variada e, aínda que se coida, non renuncia aos praceres da boa comida. "Non me corto á hora de comer", asegura. Fran busca o equilibrio: mantén unha dieta rica en lentellas, moito peixe e salmón, verduras e produtos da súa propia horta, pero tamén é o primeiro en dar un bocado a un churrasco cando lle apetece. "Fago deporte para estar ben e tamén para poder comer o que me peta", di sen complexos.
Na procura dunha Gladiator Race
"Algún día gustaríame facer unha 10K, aínda que me da moita preguiza", admite. A nivel metabólico sabe que sería beneficioso, pero tamén ten outro reto máis ambicioso: completar unha Gladiator Race, unhas carreiras cheas de obstáculos e lama, co evidente risco de "pasar tres días sen moverme".