Lucía Rodríguez: "Practico ioga, corro e adestro nun club"

A xornalista de Castro Caldelas e presentadora de 'Xente Marabillosa', Lucía Rodríguez, conxuga o traballo coa práctica deportiva para "sentirse ben". Na súa casa reina "o produto da horta e de proximidade", aínda que lle gusta innovar á hora de comer
A xornalista e presentadora Lucía Rodríguez.EP
photo_camera A xornalista e presentadora Lucía Rodríguez. EP

Lucía Rodríguez (Castro Caldelas, 1983) conduce cada mércores na TVG o programa ‘Xente marabillosa’ e dende a pequena pantalla remove conciencias ao recrear situacións de discriminación e poñer a proba a reacción de galegos anónimos e famosos. Esta xornalista e presentadora ten claro que o deporte é fundamental para "sentirse ben", a súa "prioridade".

O deporte, mellor en grupo:  

Amante das actividades en grupo como medio para poñerse a proba e "mellorar máis" e tamén para coñecer outras persoas con intereses comúns, Lucía fai deporte "case a diario". "Practico ioga, corro e adestro no club Corredores do Miño, co que vou a carreiras populares. Tamén vou ao ximnasio varios días á semana e gústame camiñar polo monte", explica esta caldelá, que o pasado domingo participou na Carreira Popular do San Martiño de Ourense. E se lle propoñen subirse á bici ou xogar ao pádel, tamén se apunta. A única liña vermella que se pon son as actividades "que teñen que ver coa auga", das que escapa.

Lucía Rodríguez nunha carreira.EP
Lucía Rodríguez nunha carreira.EP

O ioga para aliviar o estrés

Para Lucía, a actividade é fonte de "saúde física e mental". "Despois de facer deporte, sempre me sinto moito mellor que cando comezo e iso é o que me motiva", explica a comunicadora, que leva uns oito anos co ioga. Ademais de estirar os múculos, con esta disciplina relaxa o corpo e baixa "o ruído mental, que é puro estrés". "Recoméndoo como contrapunto a actividades de alta intensidade", sinala.

Comida sa, sen obsesionarse

Amante da tortilla de patacas "con cebola, ovo pouco feito e punto de sal", Lucía procura comer equilibrado e saudable, pero non se "obsesiona" con isto. Á hora de poñerse á mesa, gústalle "innovar" aínda que na súa casa reina "o produto de horta e de proximidade". E malia que lle gusta comer, cociñar non é o seu. "O que mellor se me dá? Algo que aínda que queiras non pode saír mal, como a pasta, as potaxes e os pratos de culler", confesa.

Más en Salud y nutrición
Comentarios