Opinión

Unha benvida ao deserto do real

O grupo teatral Chévere insiste no teatro documental. Prepara unha obra sobre a xordocega Helen Keller. Protagonizou unha historia que a sociedade norteamericana incluíu no seu libro de relatos da superación, da doma do territorio salvaxe. Darío Fo tamén facía ese teatro, aínda que se burlase de si mesmo chamándoo teatro verité.
Xesús Ron, Patricia de Lorenzo e Miguel de Lira. AEP
photo_camera Xesús Ron, Patricia de Lorenzo e Miguel de Lira. AEP

Patricia de Lorenzo e Xesús Ron estiveron en Lugo falando da súa materia, de Chévere; que cumpriu 35 anos. Publicaron dous libros de memorias. Tomamos un café en Lugo. Acompañounos Jorge Coira, de paso na súa cidade natal. Expliqueille aos chéveres que Lugo é "unha muralla habitada por pombas e coiras". Jorge aceptoume a broma con ese talante amable da súa familia.

O nome de Chévere é unha confusión, como a realidade que amosan nas súas obras. Contoumo Xesús Ron:
—O grupo fundárono un irlandés, John Eastman, e Miguel de Lira. Eastman propuxo que se chamasen The Yellow Theatre e Miguel contestou que lle parecía Chévere!. Eastman pensou que era unha proposta. Aceptouna.
Helen Keller (1880-1968) foi a primeira xordocega con título universitario. Os pais aseguran que dixo a primeira palabra con sete meses:
—Auga.

Chévere está montando unha obra sobre ela, aínda se nome; que estrearán en febreiro do ano próximo. Coma adoitan, a compañía vai falar de antes para falar de agora; van inspirarse nos textos contra a guerra que escribira Helen Keller, para dar a entender a súa postura política. Conversando con eles sobre Keller, empecei a pensar no teatro que combate a guerra. Acordei doutro Keller, Joe Keller; o protagonista da obra de Arthur Miller Todos eran os meus fillos. Foi reiteradamente posta en escena desde a estrea, en 1947. Joe Keller é un empresario que se pon rico vendendo pezas defectuosas para avións na Segunda Guerra Mundial. Caen 21 avións, coa consecuente relación de pilotos mortos. O seu socio acaba na prisión. Joe Keller sostén "a estrela da propia honradez", consciente de que, se lla sacan, non lla  devolverán. Evita pensar nos falecementos que provocou co seu engano, pero esas mortes acaban mesturándose coa do seu fillo; tamén piloto e tamén desaparecido en combate. A súa conciencia permanece anulada ata que o visitan a noiva do finado e máis o irmán dela. Ao tempo, son fillos do socio encarcerado.

O teatro enfrentou as trampas do poder económico e político desde o tempo de Grecia. O dramaturgo italiano Darío Fo fala sobre iso en Morte accidental dun anarquista, que vén de traducir Galaxia. Hai dous voos de anarquistas que inspiran ao escritor. Un inmigrante italiano sae voando da comisaría do FBI en Nova York en 1920 e o anarquista Giusseppe Pinelli sae da comisaría da policía de Milán pola  ventá, en 1970. A sentenza asegura que Pinelli sufrira un mareo, perdera o equilibrio e acabara caendo.

 A resolución non convencera ao xornalista de Lotta Continua Pio Baldelli, que fuchicou nos arquivos xudiciais e publicou outra versión.Sinala ao comisario que o interrogou, Luigi Calabresi. Esa información acaba por suporlle unha condea de cárcere en 1972. Darío Fo monta a tramoia para coller ese crime drámatico. Convérteo nunha comedia bufa. Un enfermo psiquiátrico  –chámao Tolo, na obra– logra coarse na comisaría facéndose pasar por policía. Baixo o pretexto de fornecer dunha versión exculpatoria aos axentes, eles van confesando. A sinopse da detención e a morte do ferroviario faina, ao cabo, o Tolo. Encara aos policías:
—Deteñen de forma arbitraria un cidadán libre, abusan da súa autoridade para retelo máis aló do prazo legal, traumatizan o coitado do maquinista contándolle que teñen probas de que é terrorista do ferrocarril, créanlle a psicose de que vai perder o emprego, dinlle que a súa coartada se esboroou e que o seu compañeiro se declarou culpable. E lánzase!

A morte accidental do anarquista é unha "fantasía" de manual escrito por Jacques Lacan. O pensador francés define unha fantasía como o sinalamento dun colectivo de persoas –gays, musulmáns, chineses que viven no barrio de Ana Rosa Quintana– como perturbador da orde social. Debe ser eliminado para recuperar a paz colectiva. Os nazis atribúen misteriosas prácticas e singularidades aos xudeus. Na Alemaña dos anos 30 chegou a estenderse a convición de que os varóns xudeus tiñan a menstruación. Era un xeito de rebaixar a súa masculinidade. A primeira patoloxía de quen odia é negar a Vinicius Jr. a súa natureza de persoa e degradalo ao simiesco, como se fose un elo atrasado na evolución humana. O xogador do Real Madrid é o máis humano de todos os que participan nese auto de fe futbolística. O seu xeito soberbio de faltar ao respecto a colegas de equipos derrotados e o modo infantil de contestar á agresividade do público que lle falta á dignidade humaniza a súa actitude. Os comportamentos negativos feitos con mala vontade son propios dos humanos. Non existe outra especie con valores morais. Hai unha escena de Matrix, a película das irmás Wachowski, na que o personaxe que interpreta Keanu Reeves esperta na "realidade real". Atópase unha paisaxes arrasada, un Chicago en ruínas, un Bajmut conquistado polos malos. O líder da resistencia, Morfeo, saúdao:
—Benvido ao deserto do real.

Vinicious espertou "á realidade real" no estadio valenicano. Descubriuse no Planeta dos Simios. O único que me sorprendeu foi a súa sorpresa. Pode que, en vez de centos de racistas, esperase atopar lectores do psicanalista francés Jacques Lacan nun campo de fútbol. Cristiano Ronaldo e Guardiola levan moitas temporadas aturando a mala educación dos homófobos, pero o escándalo non fixo ruído  abondo ata que afectou a Vinicius. Ben coñecen vostedes o chiste da película Casablanca. Ao final da cinta, o Capitán Renault, responsable policial, irrompe con outros axentes no café de Rick.
—Que escándalo! Non sabía que neste local había xogo!
Daquela, un crupier achégaselle para darlle a súa mordida.

Parece que os responsables do fútbol ignoraban o ambiente racista e homófobo que domina no seu deporte. Ao cabo, o escándalo rebentou pola vítima menos inocente. Con todo, foi positivo que acontecese. San Gregorio, cando foi nomeado papa, soubo que cardenais escuros se movían entre as sombras do Vaticano para tapar asuntos sucios. O pontífice berrou:
—Nolimus aut belimus, omnibus gentibus, justitiam e veritatem!
Como aconsella San Gregorio, é preferible deixar estoupar os escándalos. Se se cubren con mantas acaban tendo unha onda expansiva maior. No caso do anarquista que caeu da ventá milanesa pagaron Pinelli e o comisario. Darío Fo explícao cun refrán inglés:
—O señor acirra os mastíns contra os aldeáns. Se os aldeáns se queixan ao rei, o señor mata os mastíns.

Luigi Calabresi acabou sendo asasinado en 1972 nun atentado terrorista do brazo armado do xornal e a formación Lotta Continua, que se chamaba igual. O atentado foi narrado nun libro, A traverso da noite máis longa (Mondadori, en italiano), por outro periodista, o exdirector de L'Stampa e La Republicca Mario Calabresi. Era fillo da vítima.

O escritor británico Martin Amis, finado hai días, escribiu unha obra sobre os atentados do 11-S en Nova York. Chámase O segundo avión (Vintage Books, en inglés) no que define o terrorismo como "política de comunicación por outros medios"; máis salvaxes, sen dúbida. Segue o piloto asasino, Mohamed Atta, nas penúltimas horas. Comeza relatando que o día 11 de setembro de 2011 Atta esperta ás 4.00 da madrugada en Portland (Maine). Estiven nesa cidade en 2018. Pareceume un porto mariñeiro, amable e turístico. Todo na mesma proporción. O único que me molestaron foron as gaivotas, polos chíos e o defecar pálido.

A violencia é a solución rápida, pero a máis repugnante e a menos eficaz, porque as secuelas se prolongan máis tempo e son máis daninas. Sigo o consello de Karl Popper: hai manexar hipóteses en calquera disputa porque, de ser equivocadas, son elas as que morren por nós.

Comentarios