Opinión

Entre a Casa do Cura e a Casa de Embaixo

Estiven lendo Descubrindo Ana Pontón (Xerais). É unha achega a líder do BNG na que Suso de Toro vai falando cos compañeiros de partido e amigos da voceira do BNG. O autor, que non a trataba, usa un método de achegamento acertado. Vai xirando en círculos concéntricos para chegar ao núcleo.
Ana Pontón. EFE
photo_camera Ana Pontón. EFE

A proposta que fai Suso de Toro é ben suxestiva. Visita os lugares que explican a Ana Pontón e entrevístase con persoas que  coñecen a Ana Pontón para que lla expliquen. Parte de Airexe, un lugar de Sarria, onde os Pontón viven entre a Casa de Embaixo e a Casa do Cura. Os pais formaron nesa vivenda unha casa con catro cativos, dos que Ana é a maior cunha certa diferenza de idade. Os pais emigraran curtamente facer pola vida a un sitio cerca de Bilbao. A nai non acababa de afacerse. Querían volver, así que aproveitaron o establecemento dunha fábrica en Oural para facelo.

Nesa altura hai unha epifanía, necesaria en toda biografía amable. Ela tiña tres anos. Os pais marcharan traballar nunha leira a un quilómetro da casa, cerca da vía do tren. A nena quedara na casa porque non daban atendidas a xeira e máis a ela. Non se indica en Descubrindo a Ana Pontón se quedara soa ou á conta de alguén. Cando a pequena se decatou botouse a andar e apareceu na finca onde estaban os pais. A historia ten o perfume mítico das parábolas bíblicas.

Unha segunda historia dese tempo represena á líder da esquerda galega alzada sobre a cama e dando un discurso cun conto na man.  Ambas as anécdotas, a maiores de enxalzar á personaxe, revelan un carácter destemido, resolutivo, intelixente e ambicioso. Hai outras facianas que se van debuxando no libro: a emotiva e a perfeccionista. Ana Pontón recórdase: "Eu era a que choraba, a sensible, coa que metían,... pero tamén a que estudaba, a que sacaba moi boas notas". Engade que evitaba as discucións. O que somos de adultos é un desenvolvemento do que fomos na infancia.

O director de cinema Alfonso Zarauza, amigo de Pontón, resume todas estas ideas apuntando que ten "unha intelixencia emocional moi sofisticada". Esta apreciación será importante para comprender por qué unha rapaza dun lugar de tres casas chega coordenar un dos tres grandes partidos galegos.
Voume saltar o instituto, onde se confirma no uso do galego, descubre o necesario feminismo que intuía na avoa que defendía a causa da mulller e simpatiza coa xustiza social. Detereinme nun apuntamento. Ana ten 16 anos e revélalle ao pai que se quere afiliar a Galiza Nova:
—El, que é moi aberto de mente e moi respectuoso con nós, e moi prudente e de poucas palabras, díxome: "Eu non che vou dicir o que tes que pensar nin opinar, de feito pode que estea máis de acordo contigo que con outras ideas; pero que ninguén saiba o que ti pensas porque aquí mataron moita xente polas súas ideas".

Considero importante marcarlles a vostedes un momento do ano 2000 en que dirixe Galiza Nova xunto a Rubén Cela. Ela como responsable de organización e Cela como secretario xeral. Rubén é de Lugo. Eu coñézoo dende neno porque porque os seus pais alugáranme o piso de cando cheguei á cidade, en 1993. Atopeino no pasado xullo. Tomaba café antes dun mítin do Bloque.
—Rubén, quen me ía dicir que aquel neno tan sorrinte acabaría dedicándose a un asunto tan árido como a política...
—Xa ves! —contestou con ese sorriso que o caracteriza dende a infancia.
Hai 23 anos, estaba contándolles, Ana Pontón e Rubén Cela son moi novos e ilusionados. Fan actividade política percorrendo o país en autobús e quedando durmir en casas de militantes. Ese deambular precario indica a pureza do seu compromiso.

O ribadense Xabier Campos contribúe ao relato suave e amable. Penso que Xabier sigue levando Comunicación na Executiva Nacional. Coñeceu a Ana Pontón na universidade, militando nos Comités Abertos de Facultade. Daquela as asambleas eran convulsas, broncas e ideoloxizadas. "Ana non era de impoñer nunca desde os lemas, desde as frases feitas. Non era de impoñer polo número, senón que ela era sempre desde a explicación dos argumentos".

Tanta serenidade fáiseme inesperada nunha rapaza de vinte anos fascinada pola política. A explicación achégaa a propia Ana Pontón: "Cando fun a universidade a xente sentaba unhas cátedras tremendas. Custábame falar, pensaba que non tiña nada que achegar, non tiña a formación teórica daquela xente". O deputado pontevedrés Luís Bará coloca o contrapeso ao lembrar que, cando chegou ao parlamento, "Ana viña de estar na direccíón de Galiza Nova e de facer unha oposición moi forte, agresiva, moi combativa".

Esa firmeza de ánimo valeulle á dirixente nacionalista para afrontar o maior acontecemento que viviu o Bloque dende a súa fundación na asemblea de Riazor. Naquela asemblea de 1982 as forzas eran centrípetas; trinta anos máis tarde, na asemblea de Amio de 2012 as enerxías volvéronse centrífugas.

A ruptura da formación, coa consecuente marcha da metade da militancia ás Mareas e a outras fórmulas menores, deixou o Bloque en estado de ter recibido un impacto frontolateral. Pontón confesa que a vella garda do partido asumía que o que non tumbara Franco podería tumbalo Beiras coa súa teimosía. Xosé Manuel Beiras é quen de crear un partido da nada, levalo ata as portas do poder e fundar outro partido. Beiras é o noso Sísifo.

Cando se achegan as eleccións galegas de 2016 Ana Pontón soñaba polas noites co pesadelo de ser ela "a persoa que ía enterrar o BNG". Unha enquisa de Sondaxe deixábaos sen representación no Parlamento galego. A rapaza da tres casas, a mesma que percorrera o país en Castromil, estaba disposta a inmolarse.

Por outra banda, viu a oportunidade de rachar co masculinismo que afectada mesmo ao seu partido, tan de esquerdas: "Se non fose porque houbo unha crise política tan grande non se tería apostado por unha muller". A parlamentaria ourensá Noa Presas cóntao dun xeito explícito: "Sen esa gran crise nin Ana sería portavoz, nin Olalla Rodil e máis eu seriamos deputadas: nós fomos ás eleccións levar unha hostia porque non había quen quisexe levala".

O resultado, seis actas, foi sorprendente. Tivo outro significado máis profundo que Pontón sinala no libro de Suso de Toro. Enterrou o piñeirismo, esa inclinación a pactar con forzas estatais que se plasmara en En Marea. Ela tivo confianza na potencialidade do Bloque e someteuno á proba de resistencia. O BNG medrou ata as 19 actas nas seguintes eleccións e agora dispón das armas para acadar a Xunta.

Hai uns meses eu consideraba coma posibilidade firme que Ana Pontón chegase ser a nosa lehendari nos vindeiros comicios, pero a política e volátil. Alfonso Rueda vai asentando a súa figura no corpo electoral e Besteiro conta co compaixón de redimirse tras o padecemento xudicial e co respaldo ministerial de Madrid. Hoxe penso que calquera dos tres pode ser presidente. Vai depender, en boa medida, das novidades de Sumar e Democracia Ourensá.Poden restar deputados aos tres grandes partidos e para sumarlles apoios posteriores.

A declaración máis sincera e reveladora que se le en Descubrindo Ana Pontón faina a irmá, Sandra Pontón: "Para min sempre foi a miña irma, moita xente ao mellor idealízaa... eu vexo a Belén, que é como a chamamos na casa desde que naceu. Non vexo a Ana Pontón, sempre é ela. Eu non teño unha relación con Ana Pontón, aínda que a vexo na televisión, pero teño unha relación con Belén".
Os outros testemuños están filtrados de amizade, admiración ou interese; decidan vostedes en qué grado.

O libro de Suso de Toro pareceume traballado e suxestivo, se ben tamén me resultou incompleto. Botei en falta algún punto de vista crítico que completase a personaxe. A lectura que lle fixen é que, máis que diante dun perfil dunha dirixente política capaciada, estaba diante dun libro de lanzamento da súa campaña á Xunta. Suso de Toro é tamén autor de Madera de zapatero (2007), cando Zapatero era quen prendía e apagaba as luces da Moncloa.

Comentarios