Opinión

Lecturas sen mesura, herexías furiosas

Estou lendo un libro de 1.064 paxinas. A vostedes pareceralles unha insensatez que un varón caucásico, adentrado na sensatez da idade e que toma pílulas para a tensión lea unha novela dese volume é unha insensatez. Non lles falta razón.
Olga Tocarzuk. EFE
photo_camera Olga Tocarzuk. EFE

A obra coa que ando é  Los libros de Jacob (Anagrama) foi editada en febreiro. Daquela, empeceina; pero tiven que pousala na mesa de noite na espera dun advento que me liberase da falacia do tempo ocupado. As autoridades da cultura, penso agora no noso conselleiro, Román Rodríguez, falan moito de que temos que ler. Recomendan dar descanso ás redes sociais e alentan a coller un libro. Enumeran, a seguir, os beneficios da lectura.

Os índices de lectura entre a cidadanía galega non aumentarán mentres non eliminemos aos seus depredadores naturais. A cidadanía non poderá dedicarse a ler ata que non se concrete unha lei autonómica do Libro que permita ausentarse do traballo durante semanas sen causa xustificada, enganar á familia dicindo que vas a Sanxenxo cando en realidade estás nun hostal de Lugo ou Pontevedra e poder cruzarte cos teus amigos pola rúa sen ter que saudalos. O conselleiro debería valoralo cando volva animarnos a ler no Día de Rosalía.

Entanto a situacións dos potenciais lectores non mellora pola falta de interese dos poderes públicos, vémonos na obriga de dedicar as nosas vacacións, o noso tempo de descanso, a ler. Este ano tiven un lecer serodio. Cadroume entre a vendima, que cada ano madruga máis, e a caída da follas, que, de momento, manten o calendario outonal.

Los libros de Jacob é unha novela da premio Nobel Olga Tokarczuk que está numerado coma os libros xudeus, ao revés. Empeza na páxina 1.064 e remata na 1. A correlación é pedagóxica e amable porque sabes en todo momento en qué páxina estás. Eu vou na 367, son as que me quedan por ler despois de ter deixado atrás máis dun milleiro.

A novela trata sobre o polaco Jacob Frank, un mesías xudeu que viviu mediado o século XVIII como un nómade que atravesou dous imperios (Austrias e Hausburgos), tres relixións (xudea, cristíá e musulmá) e catro países (Polonia, Ucraína, Turquía e Montenegro).

Jacob Frank anunciaba que a fin do mundo era inminente, case palpable, porque había chegar en 1757 e soamente faltaban uns anos. A autora advirte de que "o Xuízo Final é coma un parto, unha vez empezado non se pode revocar nin deter". A desaparición do universo e chegada do Reino dos Ceos é unha consecuencia natural e inevitable, pero non sinxela. Para que se produza, "a diario deben invocarse os nomes dos anxos para que se presenten coma testemuñas. Ninguén pensou en que, de seguir por ese camiño, o proceso durará mil anos, pois o número de anxos e infinito".

O novo mesías aconsella, ante esa liberación que achegará os crentes á felicidade de Deus, facer o contrario do que indica o Talmud e os resto de lecturas moralizantes. Os seguidores de Jacob "cren na maldade da materia e na bondade do espírito". Actúan dun xeito inesperado, pero consecuente baixo o seu punto de vista. A obriga de todo bo crente na fe de Jacob Frank é manchar o corpo para que a alma poida saír do seu interior coma se fose un gas puro. Para lograr esa finalidade, hai que pecar todo o tempo e con toda a intención. O ámbito ideal son as orxías, ás que o novo mesías é ben inclinado. O seu razoamente é sinxelo e eficaz. Tras un encontro sexuall colectivo explícalles:
—Sodes máis ca unha familia por tervos vinculado cun pecado que a familia non pode cometer. Entre vós hai saliva e seme, non soamente sangue. Iso ata moito, iso fai que sexamos máis próximos ca nunca. Por que habiamos de someternos a leis que non respectamos a leis contrarias á relixión da natureza?

O máis curioso de todo este despropósito argumentativo é que Jacob Frank existiu e houbo milleiros de xudeus de Polonia, Ucraína e Hungría que o asimilaron. Aceptaron ser perseguidos, insultados e humillados polos xudeus que se mantiveron na crenza ortodoxa.

Ao longo da lectura fun seguindo a Jacob Frank de imperio en imperio, de relixión en relixión e de aldea ucraína en aldea polaca. Fálase tamén da bela Varsovia, abrazada pola súa muralla vermella. Pero dentro, ai!, hai unha "vilela de rúas embarradas" que un seguidor do mesías define como "horrorosa, abismal, chea de prazas baleiras azotadas polo vento. Aquí os palacios constrúense directamente sobre a area e a lama, e despois vese aos servintes levando a ombreiros damas ataviadas cos seus grosos abrigos de gala forrados de pel, lévanas da calesa ata unha pasarela de madeira para que non afundan nos charcos".

Un cento de páxinas antes atopamos unha aldea, un lugarello de catro casas, dotado de mikve, que é unha piscina cun tamaño que permite mergullarse unicamente a unha persoa e que se usa en ritos de purificacion. As mikvé son pequenas de perímetro, pero deben permitir que o crente estea de pé e meta a cabeza na auga cunha leve inclinación. Hai unha bañeira ritual nunha casa da rúa Sinagoga, número 4, da Coruña. Foi descuberta hai catro anos.

Na cidade do norte galego houbo un asentamento de cen familias ata a uniformización de crenzas de 1492 pola que se botou xudeus das súas casas e do seu país. Pese a ese trato, os xudeus coruñeses deixaron o regalo da Biblia Kennicott, que se rematou o 24 de xullo de 1476  "na cidade da Coruña, na provincia de Galicia no noroeste de España", segundo refrenda o autor.

Olga Tokarczuk usa o personaxe histórico de Jacob Frank para explicar o proceso polo que unha persoa calquera, dotada do carisma necesario, pode converterse nun mesías.
—Fala de xeito elegante, ainda que bastante intrincado, pero con gran convicción , e os seus seguidores confían máis na melodía que nas palabras.

Jacob Frank vai viaxando dun lugar a outro, predicando e sendo acosado por predicar. No camiño vai impartindo consolos e curacións que son interpretadas como milagrosas aos ollos de xudeus que padecen sede de trascendencia.  Detrás da posta en escea, hai un fondo que analiza o xeito no que se formaron as tres grandes relixións e chega un á conclusión de que unha secta non deixa de ser unha relixión que non atopou forzas abondas para desenvolverse. Ao cabo, é o que pensan os xudeus sobre os cristiáns. Non nos despistemos de que Tokarczuk é polaca e que o seu páís está dividido a partes iguais entre a ilustración atea e a convición católica.

A autora de Los libros de Jacob detecta esa rixidez nas crenzas reflectida no propio idioma polaco. Cando menos ten un personaxe que argumenta esa idea:
—En hebreo todo resulta sempre complicado por equívoco. O polaco é pouco flexible para estar materias e non entende de teoloxía.  Por iso mesmo en Polonia toda herexía ácima e sosa. A decir verdade, falando en polaco resulta imposible crear unha herexía algunha. A lingua, pola súa propia natureza, obedece á ortodoxia, calquera que esta sexa.

Hai un personaxe que nos fai ver que "Polonia é un país no que a liberdade de culto e o odio relixioso se atopan en igualdade de condicións. Por unha banda, os xudeus poden practicar a súa fe como queiran, teñen certas liberdades e tribunais propios. Por outra banda, o odio que se lles profesa é tan grande que a mera palabra xudeu está impreganada de indignidade e os bos cristiáns a usan como anatema". Cambiar a palabra xudeu por ateo axuda a entender a evolución da sociedade polaca nestes catro séculos.

Jacob Frank aparece tamén en A viaxe de Baldassare de Amin Maalouf, que fala dun comerciante de libros que viaxa por Europa e Oriente Medio na procura dun fatídico libro que ameaza co remate de existencias do mundo. O libro contén un mal augurio e un bo remedio, polo que Baldassare trata de atopalo para sandar a vida. Maalouf vén de ser proclamado secretario perpetuo da Academia Francesa, unha dignidade que en Francia non anda lonxe en medios á dun ministro e que iguala en consideracíón social a un presidente da Repubica. O día en que se anunciaban as candidaturas soubo que o íntimo amigo o que convidara cear na casa, Jean Christophe Rufin, tamén se presentara.. Anulou a cea e a amizade. As herexías, os abandonos, non sempre teñen relación coa fe.

Comentarios