Blog |

O éxito

É doado explicar o éxito literario unha vez producido, pero adoitamos facer o ridículo cando tentamos entender o fracaso. O elegante xornalista catalán Sergio Vila-Sanjuán é o autor dun curioso libro, Código Best Seller, no que tenta comprender as claves do funcionamento do éxito dalgúns dos libros máis vendidos da historia.
Felipe González. EP
photo_camera Felipe González. EP

"Cando un libro conecta co gran público é porque responde a preguntas que están no ambiente".
Sergio Vila-Sanjuán.

85. É obvio que Vila-Sanjuán non ten a fórmula máxica, pero a partir de numerosas lecturas o autor atopou unha serie de pautas. Para comezar, o protagonista ten que caer ben, hai que poder empatizar con el para acompañalo na ledicia e na desgraza. Ou sexa, o protagonista dos best sellers debe ser o propio lector. Penso niso cando examinas as novidades das mesas destacadas das grandes librarías de cadea e todas as cubertas son unha sucesión de mulleres nos seus plenos 30 e os 40 anos. Fíxome nas cubertas desas rotundas apostas best-sellerianas dos grandes grupos editoriais. As protagonistas da novela visten con presteza e certo recato, ocupan o centro da cuberta, e o máis interesante: case nunca se lle ven as caras. Están de costas, ou en perfís borrosos, para facilitar a identificación. As lectoras poránlles as súas propias caras e disporanse a vivir unha emocionante historia nalgunha glamurosa posguerra. Alguén debera estudar esa idea da desaparición gradual das caras das protagonistas das novelas nas ilustracións.

Como varón, estar ausente da carátula da industria editorial é unha estrañeza lóxica. A desaparición dos tíos do pracer dos libros constátase nos datos oficiais pero tamén nos máis verdadeiros: na composición dos clubes de lectura, ou nas visitas ás librarías no serán dos xoves. Era só unha cuestión de tempo que tamén desapareceramos das cubertas. E tamén, como é lóxico, pasando a ser actores secundarios dos argumentos desa literatura de alta circulación. A literatura é para quen a traballa, ou para quen a le. Hai que conformarse con protagonizar carátulas de videoxogos, onde aínda seguimos fortes. Fálase pouco de que esta circunstancia ten descolocados aos escritores varóns á hora de afrontar novos textos: os marcos de hai só dez anos xa se senten vellos, o propio armario literario de lecturas que levamos cada un de nós no lombo tamén parece caduco e alcanforado. Os escritores varóns somos ás veces como ese meme do señor Burns, o empresario da simpsoniana Springfield, vestíndose coma un adolescente. Así non hai quen fabrique un best seller.

E isto está relacionado coa segunda cuestión que formulaba Vila-Sanjuán: como responden os best sellers ás preguntas que están no ambiente. Ou como o explicaba James Joyce en relación ao Ulysses: sub specie temporis nostri, baixo o signo dos nosos tempos. Pero diría que nun libro atopar o ambiente non é o mesmo que nun xornal, que se apoia sempre nunha axenda pública moi explícita. Para atopar o ambiente, a literatura debe mirar baixo da alfombra e responder —ou cando menos, dialogar— con preguntas íntimas que ás veces non sabemos nin formular. Son a consecuencia oculta dese ambiente xeral. E para comprender as preguntas do noso tempo e escribir para os lectores hai que ollar ao interior das mulleres, algo que os homes en xeral non sabemos facer. A literatura debe interpretar o que está por debaixo do evidente, mesmo nos propios best sellers. Pero o ambiente está tan cheo de evidencias como de invidencias. E os grandes best-sellers aliméntanse de invidencias.

"Saber contar o que se ten dito mil veces, pero ofrecendo claves inéditas para que a persoa que escoita por primeira vez a historia atope a súa propia". 
Delphine Horvilleur. Vivir con nuestros muertos. Libros del Asteroide, 2022.

86. Cando regalamos un libro a alguén, ás veces non temos moi claro por que. Non é nin o seu autor nin tema nin periodo preferidos. Pero ese libro é para el. Se cadra porque algúns libros poden expresar o que nós non sabemos definir, non nos atrevemos a dicir ou se cadra non queiramos formular porque pode resultar doloroso. 

Si hai moitos autores arrepentidos de ter publicado algún libro, pero prefiren non mentalo, como se fose unha ex coa que se cortou mal

A rabina francesa Delphine Horvilleur escribiu Vivir con nuestros muertos como un conxunto de reflexións ante a perda, propiciadas pola voráxine de mortos da pandemia. O libro foi un éxito en Francia e en España non funcionou de todo mal; a diferencia, ademais do prexuízo conxénito que os españois teñen ante o francés, ten que ver se cadra cun catolicismo e unha familia aquí aínda máis vivas que ao norte dos Pireneos. Horvilleur calou o ambiente por debaixo do evidente: a necesidade de confortar serenamente, sen alimentar ningunha falsa esperanza, a quen perde un ser querido. As súas frases curtas, case como versículos, axudan a construír un modo aparentemente laico de afrontar a desaparición sen retorno desa parte de nós, da nosa inocencia e do noso amor, que son os outros. "Os nosos relatos sagrados abren un pasadizo entre os vivos e os mortos. O papel do narrador é ficar xunto a porta para asegurarse de que permanece aberta", di ela, nunha das mellores definicións da arte de contar que teño lido. Non hai no libro ningunha revelación. Non a precisa. Pero é como esa conversa cun amigo no que se volven lembrar anécdotas que sabemos de memoria, pero que nos deixan por un tempo nunha habitación confortable e segura. E as boas anécdotas soan sempre como historias novas.

"Isto non é un libro de historia, nin unha biografía de Felipe González, nin unha crónica xornalística, nin un ensaio político (...) Non abundarei no insulto ao lector explicando por que escribín este libro e para quen, pois fica ben claro desde o principio". 
Sergio del Molino. Un tal González. Alfaguara, 2022.

87. Nun texto recente, Suso de Toro dicía non recomendar aos lectores a súa novela Home sen nome, editada en 2006, na que puña caras aos asesinos da Compostela do golpe de estado franquista. Cito de memoria, pero falaba de que resultaba demasiado incómoda, demasiado sen saídas, sen dar alternativa ao lector. A afirmación é insólita. Si hai moitos autores arrepentidos de ter publicado algún libro, pero prefiren non mentalo, como se fora unha ex coa que se cortou mal. Pero De Toro dá coa clave. As novelas nas que estamos ben lonxe da personaxe principal nunca teñen un bo presente e, hoxe en día, tampouco podemos agardar un bo futuro para o texto. A redención futura dunha novela é como a lotería, nunca toca. 

Rematei Un tal González, o novo libro de Sergio del Molino sobre o goberno de Felipe González, dubidando de que esta novela vaia ter éxito por esas mesmas razóns. En primeiro lugar, porque creo que o de Sergio del Molino non é facer novelas, e porque os diálogos non poden ser unha sucesión de tópicos ruborizantes, como é o caso. Pero ademais, porque a nosa xeración ten unha relación estraña con Felipe González, a quen aínda vemos nas televisións. Del Molino fálanos da arte da seducción e da telexenia do presidente. Pero hoxe en día esa telexenia dos 80 soa a camelo de mercado ambulante. Dificilmente podemos sentir no seu itinerario o noso. González pode ser unha gran materia literaria. Pero, co persoeiro aínda vivo, se cadra para funcionar literariamente, a historia debera ser escrita por Alfred Jarry. 

Nunhas recentes memorias, un coñecido escritor dedicou centos de páxinas a externalizar a culpa dos seus fracasos: medios, colegas de profesión, políticos. Segundo el, todos lle fixeron unha pracaxe para non ser a figura de referencia na súa contorna. Non dedica unha soa páxina a analizar o impacto da súa obra, ou a súa relación cos lectores. Un le, abracadabrado, como o público non figura nas súas memorias, e creo intuír aí a cerna do problema. O fracaso é triste, porque nos custa explicalo, porque ao facelo á vista de todos podemos facer un gran ridículo e porque as novelas non son aritmética. Nunca sabemos ben por que fallan. Tampouco por que triunfan. Non sei como se explicará Del Molino o resultado editorial da súa novela. Agardo que non nos bote a culpa a nós de non tela entendido.

Comentarios