Opinión

Os valos da liberdade

O recente premio García Barros de novela, As Ramonas de Ana Cabaleiro é unha atinada reflexión dende a escrita sobre como a vida vai acotando as nosas saídas nela, ao paso que atende a cuestións como a creación artística e a situación que as novas xeracións viven no noso rural

Dados

MAL FAI A escrita cando se afasta do que acontece ao seu arredor. Cando decide moverse por camiños nos que nós mesmos estamos ausentes. A literatura, como calquera arte, serve para comprendernos e, na medida que poida, explicar a nosa relación como seres individuais co colectivo, como parte dunha sociedade. Ana Cabaleiro semella ter iso ben claro e se no seu primeiro libro, Sapos e sereas, a súa colección de relatos curtos permitía achegarnos ao universo feminino e a súa posición fronte a esa sociedade agora, con As Ramonas (Editorial Galaxia) aumentan as súas pretensións, tanto literarias, ao armar unha novela, como conceptuais, ao propoñer dende a súa narrativa numerosas compoñentes que falan do que a nós mesmos nos acontece nos últimos tempos, tras o asoballamento da crise económica e como iso vai a influír en decisións ou comportamentos pero, sobre todo, nos camiños que a vida decide poñer ante nós. Abrindo uns, pechando outros.

Mona Otero, a protagonista do libro, procura o triunfo no mundo da arte a través dun proxecto fotográfico. A perda do carné de conducir vai modificar os seus modos de trasladarse dende a súa aldea de Silleda ata aqueles escenarios nos que precisa desenvolver a súa vida. No interior deses vehículos toda unha serie de conversacións poñen ante nós a realidade da protagonista. E esa realidade é a que lle engade a proximidade ao relato no que se traballan moitos elementos que fan que nos apeguemos a unha situación social como a nosa que tantas veces vai contra o propio ser humano e as súas arelas de acadar éxitos na vida, tanto no profesional como no persoal.

Ese ir en contra é o que nos fai mudar o camiño, o que ergue toda unha serie de valos que limitan os nosos desexos. O soño de Mona Otero é o de saír fóra de Galicia, traballar polo mundo adiante. Eses coches aos que sube semellan distanciala da súa realidade, pero son viaxes curtas, idas e vidas que deixan de lado calquera compoñente exótica ou de aventuras. Mona Otero está condeada a retornar ao seu contexto físico, alí onde están outras mulleres coas que comparte a vida. Outras Ramonas coas que tece diversas relacións que son as que reflicten diferentes maneiras de relacionarse entre as mulleres.

Un libro, en definitiva, sobre a liberdade e como a vida vaite enclaustrando entre os seus valados pechando voos e soños


Interesante tamén é como se aborda a cuestión artística, a ocupación de Mona, e que esa arte contemporánea tantas veces cuestionada pola propia sociedade baixo uns clichés de desleixo que moitos simplifican na súa non compresión. Pero o que lle concede á novela ese carácter de experimentación é a proposta das historias nesas viaxes. A estrada como itinerario no que a vida se pecha sobre catro rodas e onde falar abre as súas canles para espallarse dende o interior da protagonista. Un libro, en definitiva, sobre a liberdade e como a vida vaite enclaustrando entre os seus valados pechando voos e soños.

Xunto a estas compoñentes unha máis pecha esa conexión dos personaxes coa súa contorna, desta volta o espazo físico, como a vida no rural plantexa unha serie de situacións singulares. Hoxe en día no que tanto nos achegamos ao rural dende unha certa superioridade, destacando a perda de poboación que nel se sofre, atopámonos outro rural ben comunicado, cerca de grandes vilas no que a poboación non renuncia a aquilo que nos pode ofrecer vivir nesa contorna. Ana Cabaleiro defende esa condición do territorio no que un cambio xeracional asiste á presenza daqueles que entenden o rural como un espazo en si mesmo, un universo pechado, como pode ser a avóa da protagonista, ou, como ela mesma, que sinte ese rural como parte dunha globalidade coa que está en perfecta sintonía.

"Ser pobre é ir perdendo, pouco a pouco, todas as opcións, ir conformándose", escribe no relato Ana Cabaleiro. Esa perda sucesiva é a que define un libro no que a vida plantexa os seus caprichos para que saibamos do seu poder, e que a nosa presenza é pouco menos que circunstancial a éspera daquilo que nos aconteza nas nosas sucesivas viaxes por ela.

Comentarios